Noticias
19 de agosto de 2013
A clínica Virxe da Mariña amplía o compromiso laranxa con descontos especiais para soci@s

A clínica burelá Virxe da Mariña e o CD Burela FS Pescados Rubén seguirán traballando xuntos polo deporte laranxa. O presidente da entidade mariñá, Manuel Blanco, foi recibido nas instalacións médicas pola xerente da clínica, María Esther García Insua, para formalizar a ampliación do compromiso, dándolle continuidade á supervisión médica dos equipos sénior e incluíndo descontos especiais nos seus servizos para os socios laranxas 2013-14.


Manuel Blanco agradeceu a implicación do persoal médico da clínica burelá como “unha peza fundamental para que a engrenaxe do Burela FS Pescados Rubén da máxima categoría funcione correctamente dende hai varias tempadas”. Dende Virxe da Mariña, Esther García, destacou o traballo do Burela FS e  reafirmou a súa colaboración en prol da actividade deportiva: “Apostamos polo deporte e estamos orgullosos de poder colaborar cun club deportivo que non só é un estandarte do deporte de elite na nosa zona, senón que é un exemplo de práctica deportiva saudable, responsable e igualitaria” explicou a xerente.


Os  especialistas de Virxe da Mariña encargaranse  de supervisar a saúde dos equipos masculino e feminino ao longo de toda a tempada. Esta atención xa se iniciou coa realización dos recoñecementos médicos de todos os xogadores e xogadoras en pretempada e continuará co seguimento durante a competición. Así mesmo, a Clínica Virxe da Mariña, xunto co Instituto Médico Estético da Mariña, agasalla a todos os socios/as do club cunha serie de vantaxes: 50% nas consultas de medicina familiar e enfermería, ademais do 10% en probas complementarias (análises clínicas, raios X, electrocardiogramas, espirometrías...) e nos bonos de depilación médica.


A Virxe da Mariña (avenida Arcadio Pardiñas, número 145) ofrece atención nas especialidades de medicina xeral, enfermería, traumatoloxía e cirurxía ortopédica, dermatoloxía, xinecoloxía, otorrinolaringoloxía, psiquiatría, logopedia, fisioterapia, oftalmoloxía, radioloxía e alergoloxía. O centro completa os seus servizos cun gabinete psicotécnico, tratamentos dermoestéticos e con láser e educación alimentaria.


 


Máis información en info@clinicavm.es o en Facebook

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores