Noticias
19 de agosto de 2013
Azkar Lugo, Santiago Futsal e Ponte Ourense, alicientes na terceira semana de pretempada

Os equipos masculino e feminino do Burela FS Pescados Rubén afrontan a súa terceira semana de preparación con alicientes de elite no Horizonte Laranxa. O cadro de Juanlu, en Primeira LNFS, medirase ao Azkar Lugo enTapia de Casariego (venres 23, 19.00 horas) e ao Santiago Futsal, no Memorial Celso Currás de Trabada  (sábado 24, 20.30 horas), onde a escuadra de Primeira RFEF, baixo a batuta de Quico Otero, tamén se verá as caras co Ponte Ourense (sábado 24, 18.30 horas).


Ambos os adestradores amósanse moi satisfeitos co traballo dos equipos laranxas. “Estanse cumprindo os obxectivos, a actitude de traballo é boa.  Estou moi contento coa actitude do grupo, sobre todo cos máis novos, que están respondendo moi ben; os xogadores levan pouco tempo xuntos pero aínda así xa se palpa a boa relación que existe entre todos” explicaba Juanlu, que, sen darlles demasiada importancia, apuntou aos amigables desta semana como un bo termómetro para analizar o traballo de pretempada; “medirnos a rivais de entidade serviranos para ver onde estamos, coa preparación xa bastante avanzada”. O técnico laranxa tamén agradece que os problemas físicos estean respectando o equipo nun período con moita carga de traballo.


Neste sentido, tamén falou Quico Otero: “Estamos adquirindo un bo ton físico; realizamos moitas sesións e iso nótase en sobrecargas, algo normal en pretempada, pero debemos pensar en que todo o que traballemos agora vai sumar para despois. Hai que traballar para estar se non ao 100% si ao 90% para o 7 de setembro, coa Supercopa” aseguraba o adestrador burelista, valorando tamén a entidade e os acertados reforzos do seu próximo rival, o Ponte Ourense.



Vilalba FS 0-10 Burela FS


Os goles laranxas brillaron nas primeiras probas de pretempada para os conxuntos da Mariña. A escuadra de Juanlu regresou de terras chairegas con 0-10 sobre o Peugeot Vilalba FS, de Terceira, no Memorial Francisco Javier González Vázquez. Nas filas burelistas participaron Brais, Mimi, Jorge, Iago Míguez, Isi, Juanma, Hugo, Matamoros, Christian, Antoñito, Carlitos, Alemán, Álex e Edu.


Goles: 0-1, minuto 16, Iago Míguez; 0-2, minuto 23, Alemán; 0-3, minuto 27, Mimi; 0-4, minuto 28, Mimi; 0-5, minuto 25, Hugo; 0-6, minuto 32, Jorge; 0-7, minuto 33, Matamoros; 0-8, minuto 33, Matamoros; 0-9, minuto 33, Matamoros; 0-10, minuto 34, Iago Míguez.


Viaxes Amarelle 2-3 Burela FS


As pupilas de Quico Otero tamén superaron o primeiro amigable con éxito; impuxéronse por 2-3 ao tamén honorable Viaxes Amarelle. “Nos 12 primeiros minutos houbo bastante igualdade, enfrontámonos a un rival ben colocado e con xente moi corpulenta, con certa lentitude lóxica pola nosa parte, motivada pola carga de traballo. Pouco a pouco fomos soltándonos, conseguimos ser superiores e reducimos enormemente as súas ocasións” analizaba o técnico viveirense.


Por parte do Viaxes Amarelle FSF xogaron Leti, Lucía Nespereira, Lago, Dolo e María, no cinco inicial ademais de Patricia,  Musta,  Luci, Cruz e Montse. No Burela FS Pescados Rubén saíron Patri, Peque, Maite, Lidia e Bea  Mateos no cinco inicial; tamén xogaron Silvia, Lara, Claudia e Paula.


Goles: 1-0, minuto 9, María; 2-0, minuto 12, Patricia; 2-1, minuto 14, Claudia; 2-2, minuto 22, Bea; 2-3, minuto 33, Lidia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores