Noticias
30 de agosto de 2013
Vista Alegre descobre o Horizonte Laranxa 2013-14, con Burela FS-Inter Movistar (sábado 31, 20.30 horas)

O pavillón Vista Alegre descubrirá mañá o Horizonte Laranxa da Primeira División LNFS 2013-14 coa visita do recoñecido Inter Movistar. Despois de catro semanas de adestramentos, os protagonistas laranxas presentaranse ante a incondicional bancada mariñá; saltarán á pista ás 20.30 horas.
 
A posta de gala do novo cadro de Juanlu será a quinta cita amigable da pretempada. Juanma, Edu, Christian, Iago Míguez, Matamoros, Mimi e Isi conservan a filosofía dun bloque ao que se incorporan a revelación de David ‘Burrito’ e Antoñito, do Caja Segovia, e Hugo e Álex, do Santiago Futsal. Na dinámica de preparación tamén se internaron a promesa laranxa Carlitos e o meta do Burela FS B Brais, xunto aos xuvenís Diego ‘Alemán’, da familia laranxa, e Ismael, do Vilalba FS, e o madrileño Jorge García, que na tempada pasada militou no Andorra e Brihuega.


A entrada será gratuíta para os SOCIOS laranxas (imprescindible presentar carné de abonado 2013-14). A taquilla para NON SOCIOS estará aberta dende as 19.30 horas (10 euros/adult@, 3 euros/menor de 18).


Trofeo Vila de Cedeira. Tras a festa de Vista Alegre, a escuadra mariñá comezará a semana, o martes 3 de setembro, co I Trofeo Vila de Cedeira, medíndose ao Parrulo FS, de Segunda (pavillón municipal, 19.00 horas).


Memorial Coto Ferreiro. O Burela FS Pescados Rubén rematou subcampión onte  no Memorial Coto Ferreiro da Estrada. O cadro de Juanlu derrotou na primeira semifinal o equipo anfitrión, o Vasan Cubik A Estrada por 0-1. Na gran final bateuse co Santiago Futsal, que venceu en semis ao Azkar Lugo tamén por 0-1; os composteláns alzáronse co título por 0-3. Na pelexa polo terceiro e cuarto posto, repetiuse o marcador, 0-3, favorecendo os intereses transportistas sobre A Estrada.


Participaron nas filas laranxas Edu, Álex, Mimi, Iago Míguez, Isi, Juanma, Hugo, Antoñito, Carlitos, Alemán, Isma e Jorge García. Hugo tivo que retirarse por unha escordadura de nocello nos primeiros minutos de xogo co anfitrión.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores