Noticias
1 de setembro de 2013
Luxosa posta de gala con empate ante Inter Movistar (2-2)

O Burela FS Pescados Rubén de 2013-14 presentouse esta tarde ante a afección de Vista Alegre cun rival de luxo, o Inter Movistar, nun partido que finalizou en táboas (2-2) e no que xa se viron mostras dos grandes momentos que pode dar a Primeira División LNFS esta tempada.


O cadro de Juanlu soubo como conter a furia ofensiva que mostrou o Inter Movistar desde o inicio. Tras os primeiros minutos de xogo nos que a defensa laranxa se mantivo impertérrita, tamén chegaron as primeiras tentativas en ataque. Juanma avisou cun disparo escorado, antes de cumprirse o minuto 5, e pouco despois fixeron o propio Matamoros e David, adquirindo aos poucos un maior equilibrio na posesión.


Mantendo hábitos moi saudables, o gol laranxa volveu ter a firma de Matamoros, que inaugurou o marcador no minuto 13, superando a Luis Amado. Pola, preto do largueiro, Batería, só, e Nano Modrego, cun mísil exterior, intentaron sorprender a Edu sen éxito. A dous minutos do descanso Borja conseguiu o empate. No entanto, o olfato goleador de Matamoros volvía activarse; a 50 segundos para chegar ao ecuador o laranxa volveu adiantar o Burela FS, aproveitando un desaxuste defensivo do rival.


No segundo período, as primeiras ocasións foron mariñás, de Iago Míguez, Antoñito e Matamoros. Con todo, quen atopou a portería de rival foi Nano Modrego (minuto 22) a balón parado, tras falta de Iago Míguez. Tras a oportunidade de David, no minuto 25, o pau evitou un potente disparo de Murga. Os burelistas superaron o ecuador da segunda parte, cunha férrea defensa ante a artillería interista e a punto estiveron de anotar o seu terceiro gol desde a área nun despexamento (minuto 32). Os roubos de balóns deron momentos frenéticos nos últimos minutos. Mimi e Batería aínda xeraron perigo por ambos os bandos na recta final.


Antes do asubío inicial, Vista Alegre tamén puido coñecer o novo proxecto das actuais campioas de liga e Copa de España de Primeira División RFEF, que dirixirá o vivariense Quico Otero en 2013-14. Jozi, Lidia Mesías, Claudia, Silvia Rubal, Peque, Lara, Patri, Marcela, Bea Mateos, Maite e Paula presentáronse ante a fiel afección laranxa xunto ao técnico, o preparador físico, Pablo Díaz, o auxiliar, Ramón Cordido, e o adestrador de porteiras, Marcelo Santoro, antes de internarse na súa primeira gran aventura da tempada, a Supercopa. As mariñás terán o seu primeiro partido ante o Atlético de Madrid Navalcarnero o domingo 8 (La Estación, 13.00 horas); a competición decidirase en terras galegas o sábado 14 (20.30 horas).


 


Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Antoñito, Matamoros e Iago Míguez, no cinco inicial; tamén xogaron David, Juanma, Christian, Carlitos, Álex


Inter Movistar: Luis Amado, Borja, Rafael, Ortiz e Rivillos, no cinco inicial; tamén xogaron Batería, Murga, Pola, Tobe, Nano Modrego, Rubén


Goles: 1-0, minuto 13, Matamoros; 1-1, minuto 18, Borja; 2-1, minuto 19, Matamoros; 2-2, minuto 22, Nano Modrego.
Árbitros: Fidel González Armada e Álvaro Cid Bragado


Tarxetas: Por Inter, amarela a Nano Modrego (minuto 19), Batería (minuto 32), Rivillos (minuto 34). Por Burela FS, amarela a Mimi (minuto 32)


Incidencias: Partido de presentación 2013-14 do Burela FS, con Inter Movistar. Minuto de silencio en memoria dun familiar do xogador interista Nano Modrego. En torno a 900 espectadores.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores