Noticias
5 de setembro de 2013
O Burela FS imponse ao Poio (1-3) no primeiro envite de Copa Galicia

O Burela FS Pescados Rubén superou onte o primeiro obstáculo da Copa Galicia 2013, impoñéndose na fase de grupos ao Poio Pescamar FS (1-3), equipo que se estreará en 2013-14 na máxima categoría como rival das laranxas.


As pupilas de Quico Otero levaron o ritmo do partido e do electrónico, aínda que precisaron do paso dos minutos para serenarse sobre a pista. “Creo que fomos superiores ao longo dos 40 minutos, aínda que a primeira parte estivo máis igualada; saímos moi precipitadas e custounos superar na saída de balón ante un conxunto aguerrido. No entanto, pouco a pouco fomos mellorando” analizaba Quico Otero. A pesar do dominio laranxa o gol fíxose esperar ata o minuto 17, obra de Maite. Tras o descanso, Lidia transformou o 0-2, no 29, e Bea Mateos sentenciou practicamente o encontro, no 31. A falta de pouco máis de tres minutos para o asubío final, as pontevedresas reduciron lixeiramente a desvantaxe, 1-3, sen alternativa para máis.


“Medímonos a un equipo con moita ilusión, agresividade e ganas de facelo ben. Sen dúbida, na súa pista vai complicar a calquera rival, non hai máis que fixarse na vitoria de hai uns días ante o Ponte Ourense (5-2)”, destacaba o técnico laranxa.


Tras a agardada Supercopa de Estaña, que o Burela FS disputará o 8 e 14 de setembro co Atlético de Madrid Navalcarnero, volverá a Copa Galicia. Comarcal A Fervenza, de Segunda División, será o último obstáculo na fase de grupos para as mariñás; o Pescados Rubén recibirá as ferrolás o martes 17, ás 20.30 horas, en Vista Alegre.



Ficha técnica


Poio Pescamar FS:  Silvia, Elena, Cecilia, Claudia e Rosario, no cinco inicial; tamén xogaron Yolanda, Ana, Lucía


Burela FS Pescados Rubén: Patri, Bea Mateos, Maite, Peque e Lidia, no cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Silvia e Lara


Goles: 0-1, minuto 17; 0-2, minuto 29, Lidia; 0-3, minuto 31, Bea Mateos; 1-3, minuto 36, Elena


Árbitros: Delmiro Araújo Vázquez e Héctor Vilas López (Ourense).


Amoestacións: Amarelas a Ana, polo Poio, e Maite, polo Burela FS


Incidencias: Partido do Grupo B da Copa Galicia 2013, municipal de Poio.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores