Noticias
20 de setembro de 2013
O balón das campioas comeza a rodar na liga

O campión de Primeira División RFEF inicia a defensa da súa coroa ante o Soto del Real, mañá, ás 18:30 horas, arroupado pola afección da Mariña. O Burela FS Pescados Rubén afronta a primeira xornada con ganas e ilusión por reeditar os éxitos conseguidos e para iso o seu primeiro obxectivo é manter Vista Alegre como un parapeto. Pola súa banda, o cadro madrileño, que finalizou oitavo na pasada campaña, encara unha nova tempada co propósito de afianzarse entre os equipos da zona media alta da clasificación.


“Comezamos coas ilusións intactas, estamos desexando empezar xa, para iso nos estivemos preparando; unha das nosas principais motivacións é a defensa do título” declaraba con entusiamo o adestrador laranxa, Quico Otero, que lamenta non poder estrearse na competición co cadro ao completo: “O equipo está preparado para iniciar ben a liga, aínda que con efectivos xustos. Jozi, Paula e Marcela están en proceso de recuperación; intentaremos reincorporalas canto antes para non resentirnos a longo prazo”.


Do rival desta primeira xornada o técnico laranxa destaca principalmente “o seu xogo agresivo”. “É un equipo bo no un contra un, sobre todo si ten espazos e ten grandes pegadoras de lonxe, aínda que tamén contará coa baixa dun dos seus baluartes, Pitu”. Para Quico Otero a clave de que os tres puntos queden en Burela radicará “en realizar boas coberturas e en evitar que o Soto teña pegada desde antes dos 15 metros”, un equipo, que mantén o bloque de 2012-13 con tan só dúas caras novas, Ana de la Chica e Clara Rodríguez.


O conxunto sotorrealeño partirá cara á Mariña esta noite. Iván Igea convocou para a cita a Anita, Marlasca, Martica, Anilla, Clara, Patry, Chili, Jiménez, Senis e Coral. Serán baixas Elena e Pitu, por lesión, e Tayra por motivos persoais.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores