Noticias
27 de setembro de 2013
Primeiro derbi galego para as laranxas, na pista do novel Valdetires
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén gozará este sábado do primeiro derbi autonómico da liga de Primeira RFEF 2013-14 na tempada por excelencia do fútbol sala galego, con nada máis e nada menos ca seis representantes irmandiños. O novel Valdetires Ferrol recibirá a escuadra mariñá no pavillón de Esteiro, ás 19.00 horas.


O cadro de Quico Otero buscará a súa primeira vitoria en terras ferrolás, despois do sabor agridoce do empate na casa ante o Soto del Real (1-1). O Burela FS chega “animado e con ganas para intentar conseguir o primeiro triunfo e así poñer en valor o empate da semana pasada”, como adiantaba o técnico laranxa. Nesta mentalidade tamén incidiron a gardameta Patri e a capitá Lidia Mesías, que se centraron en destacar a parte positiva de comezar a competición puntuando: “Fomos superiores e aínda que o resultado foi escaso o importante é que conseguimos un punto; aínda queda moita liga por diante” aseguraba Lidia, autora do tanto laranxa, coincidindo con Patri en que “o que debemos facer é intentar emendar os erros; moitos equipos chegarán a Vista Alegre para pecharse, como o Soto, e debemos traballar ese tipo de defensa”.


O Valdetires estrearase ante a súa afección tras o forte pau dun 7-0 fronte ao UA Alicante. “Son xogadoras moi traballadoras e loitadoras; agardarannos atrás esperando a oportunidade para sacar algo frente ao equipo que todos os rivais quererán bater este ano e máxime sendo o seu primeiro partido na casa”, falaba así Lidia do seu antigo equipo, ao que Patri puntualizaba:  “Non nos podemos fiar, aínda que a priori poida parecer un equipo menos forte; no comezo da liga pode darse calquera sorpresa”.


Jozi, Paula e Marcela, en pleno proceso de recuperación de senllas lesións, volverán ser baixa para esta cita, coa esperanza entre as súas compañeiras de que poidan regresar axiña. “Somos un cadro curto e con estas tres baixas xusto no comezo de liga todas estamos obrigadas a facer un esforzo extra, tanto en adestramentos coma en partidos; esperamos poder contar coa súa rápida reincorporación para gañar en rotacións, e intensidade, e evitar complicacións a longo prazo” transmitían Lidia e Patri.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores