Noticias
5 de outubro de 2013
Táboas no derbi galego
Táboas no derbi galego disputado no pavillón municipal de Lugo onde o Azkar Lugo e o Burela Pescados Rubén empataron a tres nun intenso partido. Como era de esperar, o derbi tivo todos os ingredientes propios destes envites.
Fotografia: pronelugoad.com
Durante o primeiro periodo os transportistas manexaron mellor o ritmo do partido pese ao bo inicio laranxa que se viu truncado co tanto de Chano. O 1-0 afianzou a confianza do cadro local mentres que o Burela non lograba atopar a súa mellor versión aínda que dispuxo de oportunidades para empatar. Ao descanso chegouse co 1-0 e na continuación os de Juanlu comezaron a dominar con maior claridade. Christian asinou o empate pero acto seguido o Azkar golpeou de novo por mediación de Chano. O 2-1 fixo dano na moral laranxa durante uns minutos pero a reacción mariñá non tardou en chegar. Matamoros rubricou o empate a dous cun golazo marca da casa que levantou dos seus asentos á numerosa afección laranxa presente nas gradas do municipal. A raíz do 2-2, os mariñaos incrementaron o seu dominio ante un Azkar que se aferraba ao contragolpe como a súa mellor arma. As ocasións eran burelesas pero o acerto na definición tinguíase de azul. Tras unha dobre oportunidade visitante chegou o 3-2 por mediación de Antonio Diz. Con cinco para o final o Burela Pescados Rubén debía repoñerse, outra vez, dun marcador adverso. O acoso burelés obtivo o seu froito gracias á inspiración goleadora de Christian, autor do empate a tres final. Nos últimos instantes do partido Óscar Iglesias e Hugo foron expulsados pero o reparto de puntos foi inalterable. Ficha técnica Azkar Lugo: Óscar Iglesias, Diego Nuñez, Antonio Diz, Alex Diz, Jandri –cinco inicial- Mendiola, Aranburu, Cuco e Chano. Burela Pescados Rubén: Edu, Hugo, Antoñito, David, Matamoros –cinco inicial- Mimi, Iago Míguez, Christian e Juanma. Goles: 1-0, m.4, Chano; 1-1, m.24, Christian; 2-1, m. 25, Chano; 2-2, m.27, Matamoros, 3-2, m.35, Antonio Diz; 3-3, m.37, Christian. Árbitros: Gutiérrez Lumbrera e Lope Díaz. Amosaron cartón amarelo a Diego Nuñez do Azkar e a Mimi e Antoñito do Burela. Expulsaron con cartón vermello directo ao meta transportista Óscar Iglesias e a Hugo nos mariñaos.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores