Noticias
15 de outubro de 2013
Un rival apetecible
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén vivirá mañá unha xornada atípica entre semana, coa visita na sexta xornada á pista do Umacón Zaragoza. O pavillón Siglo XXI acollerá a cita ás 21.00 horas.


O cadro laranxa afronta o compromiso lonxe da casa moi motivado e co firme propósito de dar continuidade aos tres importantes puntos recollidos a fin de semana, con H. Llevant Manacor (7-6). “A vitoria ante Manacor foi moi importante para liberar ao grupo dalgúns síntomas de ansiedade. Temos que seguir traballando para mellorar, sobre todo en tranquilidade e paciencia, no aspecto ofensivo; estamos xogando con algunhas revolucións de máis que nos impiden ter maior claridade en ataque. En defensa, debemos corrixir certos desaxustes que nos están custando goles evitables” analizaba así o adestrador, Juanlu, o sopro de aire fresco que supón o seu recente triunfo para darlle confianza ao cadro.


O obxectivo principal dos mariñáns é darlle continuidade a estas boas sensacións, sobre todo antes da visita do gran campión, FC Barcelona (sábado 19, 18.30 horas), aínda que tamén son conscientes de que o rival lles ourtorgará o papel de actores protagonistas. “Ata agora, excepto ElPozo Murcia, todos os equipos estannos esperando para buscar o contragolpe como idea inicial e a responsabilidade de levar a iniciativa é para nós. En Zaragoza esperamos que se repita esta liña”.


En fronte terán a un conxunto desexoso de coñecer a vitoria. Ata o momento só puido subir 1 punto á súa cuadrícula, na primeira xornada con empate 4-4 lonxe da casa con Jaén Paraíso Interior. “Será un partido complicado xa que terán moitas ganas de lograr a súa primeira vitoria, xogan na casa e non será sinxelo aínda que confiamos plenamente en lograr o triunfo” explicaba Juanlu, destacando entre as súas fortalezas a Retamar: “É a referencia do equipo e quen marca o pulso do seu xogo”.


O técnico laranxa poderá contar con todos os seus efectivos, a excepción de Hugo, que cumprirá o seu segundo partido de sanción. Edu, Mimi, David Burrito, Iago Míguez, Isi, Juanma, Matamoros, Christian, Álex, Carlitos e Antoñito compoñen a expedición que partiu esta mañá cara a terras mañas.


Venda anticipada. O Burela FS Pescados Rubén xa ha habilitado a venda anticipada para o segundo Día do Club. As persoas interesadas poderán retirar as súas entradas por adiantado para a visita do FC Barcelona ata o venres na sede do club laranxa (10.00-14.00 // 16.00-19.00). O sábado, en Vista Alegre, estarán dispoñibles desde as 17.30 horas, con taquillas diferenciadas para socios e o resto do público.



PREZOS PARA SOCIOS


Maiores de 14 anos: 5 euros


De 0 a 13 anos: 1 euros


 


PREZOS PARA NON SOCIOS


Maiores de 14 anos: 20 euros


De 0 a 13 anos: 3 euros 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores