Noticias
18 de outubro de 2013
Duelo irmandiño, na defensa do cume
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén defenderá mañá, na quinta xornada, o coliderado de Primeira con duelo galego. O Viaxes Amarelle esperará as laranxas na Sagrada Familia (A Coruña), ás 18.45 horas.


Para ambos será xa o terceiro derbi irmandiño da tempada. Fronte ás mariñás, que chegan compartindo a primeira praza co Atlético de Madrid Navalcarnero (10 puntos), o Amarelle sitúase no ecuador clasificatorio con 6 puntos, froito precisamente das vitorias galegas (1-0 Cidade das Burgas -1ª xornada-, 2-3 Poio FS -4ª xornada-).


Será un duelo atípico, con ausencia dos técnicos en ambos bancos, tras as expulsións da última xornada de José Carlos Martín, Chipi, con 2 partidos de sanción, e de Quico Otero, amoestado con 3 encontros. Nas filas locais tampouco estará a goleadora Patri. Desde Burela, haberá que esperar ao último adestramento, esta tarde, para pechar a convocatoria; a expedición partirá da Mariña mañá ás 15.30 horas.


“Defender ben, non precipitar contras do rival e finalizar as ocasións” son as tres premisas coas que viaxará o equipo de Quico Otero a terras herculinas para impoñerse a un rival que o adestrador laranxa define como “un equipo con boa defensa, moita corpulencia, que deixa poucos ocos para que entre o rival e reacciona ben en contraataque”. Pola súa banda, o técnico coruñés prognostica igualdade: “Será un partido parello. Quizás marque o desenvolvemento quen se adiante. Creo que será un encontro de poucas ocasións e gañará o que menos erros cometa na circulación de balón”.


Coruñesas e mariñás xa se viron as caras en pretemporada con vitoria 2-3 para as laranxas.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores