Noticias
19 de outubro de 2013
A maxia do Burela FS frea o FC Barcelona (2-2)
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén asinou unha tarde de gloria para a historia do Vista Alegre; o día en que a maxia da familia laranxa freou o campión. A escuadra de Juanlu puido parar o xigante FC Barcelona (2-2), con defensa ordenada na primeira parte e elaboración e valentía na segunda, ante a atenta mirada dun Vista Alegre repleto.



 Os mariñáns saíron para dar a cara, moi serios en defensa, pero tamén con ganas de retar o todopoderoso Barcelona. Paco Sedano respondeu sen problemas ás primeiras chegadas do Burela FS, nos pés de Iago Míguez; no minuto 6, un balón certeiro de David Burrito case dá a alegría aos locais nun despexamento dubitativo de Gabriel. Chegando ao ecuador do primeiro período a Álex intensificóuselle o traballo; tras o perigo de Lozano (minuto 8), o pau repeleu o mísil de Aircardo (minuto 9); Lin tamén probou sen éxito (minuto 10). Dúas boas tentativas de Mata, desde medio campo, e Burrito, en contraataque, antecederon a vantaxe visitante; chegou o primeiro gol dos cataláns en xogada de estratexia, a piques de cumprirse o 13 de xogo, culminado por Ari. A vontade dos galegos non conseguiu mover o electrónico no resto da primeira parte, coa parella Juanma-Burrito (minuto 14) e Iago Míguez, á contra (minuto 18), entre as ocasións máis claras.



 Tras o descanso, a elaboración tivo nome do Burela FS Pescados Rubén. Antoñito levantouse como o estandarte mariñán para desarmar o rival; antes de cumprirse o primeiro minuto da segunda parte, puxo en apertos a Paco Sedano por partida dobre. E por fin chegou, o empate tan desexado e merecido; non podía ser doutro xeito, das zapatillas de Iago Míguez (minuto 23), con gran protagonismo ofensivo durante todo o encontro. Segundos despois, Matamoros, desde balón parado de Christian, volvía poñer en pé os 1.400 espectadores da bomboneira. Reaccionou o gran titán; no minuto 25, intentouno Gabriel pero topouse co pau, seguido dun par de tentativas barcelonistas infrutuosas entre desaxustes nos metros finais e grande entendemento da defensa laranxa.


 


  Un minuto despois volveu á carga o 5 burelés cun disparo afastado, con magnífica resposta tamén en defensa apoiando a Álex para frear unha nova avalancha visitante. Antoñito buscou adiantarse no marcador, no 29, cun lanzamento que se foi alto, asistido por Mimi. Con todo, foi o FC Barcelona o que atopou antes a recompensa segundos despois, e menos merecida; logo dunha oportuna aparición de Sedano, Ari puido finalizar en contraataque para anotar o 1-2.


 Non se amilanaron os de Juanlu ante o xigante FC Barcelona. No 31 David Burrito dispuxo dunha oportunidade de ouro só ante o meta barcelonista, un balón que non puido controlar (31). Juanma, Antoñito e Iago Míguez tamén o intentaron roldando o 33. A falta de 2.27 minutos para o final, o valente Burela FS enfundoulle a Mimi a camiseta azul para ir a por todas. Vista Alegre estalou de xúbilo co empate 2-2 que conseguiu introducir Christian, a tan só 10 segundos para o final. Os visitantes gastaron o seu último cartucho con Ari tamén de cinco, sen tempo para máis.



 8ª xornada. Os pupilos de Juanlu desprazaranse á pista de Ríos Renovables Ribera Navarra na próxima xornada; o encontro está programado para o venres 25 ás 20.30 horas, no Ciudad de Tudela.



 Ficha técnica


 Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Iago Míguez, Juanma e Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Christian, David Burrito, Isi, Matamoros,


 FC Barcelona Alusport: Paco Sedano, Ari, Sergio Lozano, Saad e Fernandao, cinco inicial; tamén xogaron Torras, Lin, Gabriel, Wilde, Aicardo, Igor


 Goles: 0-1, minuto 12, Ari; 1-1, minuto 23, Iago Míguez; 1-2, minuto 29, Ari; 2-2, minuto 39, Christian


 Árbitros: Redondo Arenales // Viedma Martín(Castela e León)


 Tarxetas: Por FC Barcelona, amarela a Lozano (minuto 9), Saad (minuto 16), Ari (minuto 38)


 Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre, coa presenza do seleccionador nacional, Venancio López. 1.400 espectadores (aforo completo)

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores