Noticias
31 de outubro de 2013
O Burela FS recibe o equipo revelación
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén de Juanlu enfróntase este sábado ao equipo revelación de Primeira División, o debutante Montesinos Jumilla FS, na novena xornada. O encontro, emitido en directo por TVG2, comezará ás 16.15 horas, en Vista Alegre.


“É unha cita que afrontamos con ilusión. Sempre dixen que o mellor estaba por chegar e cada vez estamos máis preto; neste segundo tramo temos a confianza de sumar máis” transmitía así Juanlu a seguridade que proporcionaron á escuadra laranxa os resultados máis recentes. “Dos últimos catro partidos, pechamos tres moi bos, co accidente de Zaragoza. Temos que ser un equipo forte na casa, vémonos con esa obriga para reforzar o bo traballo de fóra, onde xa conseguimos 7 dos nosos 11 puntos” reflexionaba o técnico burelista, desde a oitava praza.


Con 13 puntos e na sexta posición chega á comarca da Mariña o equipo murciano, que xa demostrou que se move como peixe na auga en Primeira, a pesar de ser a súa primeira tempada, ofrecendo regularidade tanto na casa coma a domicilio; fóra da súa pista, de catro encontros, só sucumbiron ante Inter Movistar (8-2) e Marfil Santa Coloma (8-7). “É un equipo que nos sorprendeu a todos, forte e cun gran nivel de confianza pola súa excelente adaptación á categoría. Chega sen presión porque xa asegurou practicamente a categoría, o seu obxectivo inicial, e con moito perigo porque, despois do grande inicio, crense capaces de todo” explicaba Juanlu.


A expedición do Jumilla partirá esta noite con rumbo a Galicia, co ex-burelista Ique; completará a súa preparación mañá pola mañá en Vista Alegre. As filas laranxas contarán coa única dúbida de Christian, cunha contractura de isquiotibiais. Hoxe xa se incorporou aos adestramentos Antoñito, despois do seu periplo coa Vermella en terras lusas. A última sesión da semana está prevista para mañá ás 17.00 horas.


 



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores