Noticias
3 de novembro de 2013
O Burela FS vence con autoridade a La Rioja FSF (0-4)
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén segue firme na súa loita de Primeira División RFEF. Os tres puntos desta mañá na pista de La Rioja FSF (0-4), tras un encontro de autoridade laranxa, permítenlles ás pupilas de Quico Otero seguir na primeira praza, con 19 puntos, empatadas co Atlético de Madrid Navalcarnero, que tamén venceu, ao UA Alicante (5-4).


A escuadra mariñá brindou unha primeira parte con dominio e ocasións, fronte a un rival que esperou no seu campo a iniciativa das visitantes. Aínda que as primeiras oportunidades ofreceron resistencia, as burelistas conseguiron adiantarse no minuto 13, a través dun pase elevado de Maite por encima da defensa rioxana que culminou en picada Peque. Sen apenas ataque en profundidade por parte das locais, o cadro laranxa ampliou distancias no 17, coa estrea goleadora da última incorporación mariñá; Cris aproveitou ao bordo da área un pase cara atrás de Maite desde xogada pola banda.


Tras o descanso, con 0-2 en contra as de Logroño intentaron intensificar a presión, aínda que sen demasiado perigo. Co paso dos minutos, optaron por repregar filas e volver esperar ás mariñás atrás. Claudia, desde o chan, subiu o 0-3 no 29, alcanzando un pase ao segundo pau de Peque desde a banda. A falta de cinco minutos para o asubío final, a escuadra local apostou polo xogo de cinco para equilibrar o electrónico. O definitivo 0-4 chegou no 36, cun disparo de Peque desde o campo laranxa a porta baleira.



Vista Alegre acollerá a oitava xornada o vindeiro sábado, 9 de novembro, con duelo de altos voos. O Burela FS Pescados Rubén recibirá o seu arquirrival na pugna polo liderado en solitario, o Navalcarnero, ás 18.30 horas.


 


 


 



Ficha técnica


La Rioja FSF: Jessica, Natalia, Beatriz, Carmen e Cristina, cinco inicial; tamén xogaron Rebeca, Bea Martín, Jessica J., Yari, Eva Ortega, Lara, Shiori


Burela FS Pescados Rubén: Patri, Peque, Maite, Lida, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Jozi, Cris, Lara, Claudia


Goles: 0-1, minuto 13, Peque; 0-2, minuto 17, Cris; 0-3, minuto 29, Claudia; 0-4, minuto 36, Peque


Árbitros: Alberto Sarabia // Carlos Sarabia (Logroño)


Cartóns: Por Burela FS, amarela a Maite (minuto 19) e Peque (minuto 37)



 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores