Noticias
23 de novembro de 2013
Triunfo laranxa no derbi galego
Vitoria do Burela Pescados Rubén por 5-4 no derbi galego ante o Ponte Ourense nun encontro intenso, con alternativas no marcador e con emoción ata o final. Peque decantou un derbi aberto ao transformar un penalti no último minuto.
Fotografía: A Caixa Escura
O conxunto burelés remou contracorrente desde o inicio do choque debido ao tempraneiro tanto logrado por Souza no seu primeiro disparo. Con esta vantaxe as ourensás reforzaron o seu plan de contención e contragolpe ante un Burela que dominaba pero non lograba atopar a chave do candado. O empate chegou nunha bonita combinación entre Lidia, Maite e Peque que estableceu unha igualada que acentuou o dominio local, pero o Ponte Ourense volveu tirar de efectividade e nunha fulgurante contra de Anita logrou o 1-2, tras superar a Jozi no man a man. Así se chegou ao descanso e na segunda parte chegou a reacción burelesa por mediación de Maite (2-2) e Lara que plasmaba a remontada laranxa co 3-2. As ourensás acusaron o golpe e o Burela puido sentenciar o derbi pero abriu as portas a un Ponte que aceptou a invitación con Souza como estilete. Dous tantos en apenas un minuto da brasileira puxeron de novo por diante as pontinas e obrigou ao conxunto local a remar, outra vez, contracorrente. Con xogo de cinco o Burela logrou investir a situación, primeiro cun tanto de Lara e no último minuto cun penalti que Peque marcou para selar o 5-4 definitivo. Ficha técnica: Burela Pescados Rubén: Jozi, Maite, Peque, Claudia, Bea Mateos –cinco inicial- Lara, Lidia, Cris. Ponte Ourense: Vane, Dryca, Marta, Laura, Souza –cinco inicial- Rosángela, Jessy, Anita. Goles: 0-1, m.2, Souza; 1-1, m.13, Peque; 1-2, m.20, Anita; 2-2, m.23, Maite; 3-2, m.26, Lara; 3-3, m. 33, Souza; 3-4, m. 34, Souza; 4-4, m. 36, Lara; 5-4, m.40, Peque (pen.). Árbitros: Darriba Villamor, Castro Bermúdez. Incidencias: Encontro disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 700 espectadores. Décima xornada da Primeira División.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores