Noticias
29 de novembro de 2013
O mellor equipo da Liga arriba a Vista Alegre
Foto: A Caixa Escura

O Inter Movistar arriba mañá a Vista Alegre como o mellor equipo da liga ante un Burela FS Pescados Rubén que esgotará todos os seus cartuchos para non despegarse de postos da Copa de España (Logroño, 13-16 de marzo de 2014). O encontro da 13ª xornada comezará ás 16.30 horas, con emisión en directo de TVG2.


Os números da escuadra interista entrarán na bomboneira como fogos de artificio; o equipo de Jesús Velasco chega invicto con 31 puntos, 10 vitorias e tan só 1 empate (3ª xornada, 2-2 FC Barcelona). Pola súa banda, o Burela FS Pescados Rubén prepárase para o espectáculo desde a sétima praza (15 puntos), empatado con Magna Navarra, co regreso de Christian á convocatoria, despois de varias semanas ausente por unha lesión de isquiotibiais.


“Vimos de dous resultados pouco positivos, pero este pode ser o partido perfecto para cambiar a dinámica, ante o líder e cun grande ambiente nas bancadas” aseguraba con ilusión o ala viveirense, mostrando o seu optimismo ante a cita: “A nosa reacción adoita ser mellor cos equipos de arriba; eles saen a xogar e iso benefícianos. Estamos preparados para sacar algo positivo e afrontar os dous últimos partidos da primeira volta con forza” explicaba o 11 laranxa.


“A afección sempre está aí; estivo en momentos moi difíciles e mañá estamos seguros de que Vista Alegre volverá ser outro espectáculo dentro e fóra da pista. Só lles pediría aos afeccionados que teñan un pouquiño de paciencia e nos acompañe na nosa ilusión porque o equipo está traballando ben e darémolo todo por poder estar na Copa” concluía Christian.


Día do club. A taquilla en Vista Alegre estará aberta mañá desde as 15.30 horas, no terceiro e último Día do Club desta tempada.


 


PREZOS PARA SOCIOS


Abono Individual: 5 euros


Abono Familiar: 5 euros/entrada


Abono Estudante: 5 euros


Abono Xuvenil: 5 euros


Abono Xubilado: 5 euros


Abono Infantil: 1 euro


 


PREZOS PARA NON SOCIOS


Maiores de 14 anos: 20 euros


De 0 a 13 anos: 3 euros

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores