Noticias
29 de novembro de 2013
O Burela FS despedirá o ano na casa do Roldán (domingo 1, 13.00 horas)
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén disputará este domingo a 11ª xornada de Primeira División RFEF na pista do levantino Roldán FSF (pavillón municipal Gabriel Pérez, 13.00 horas). Este será o último compromiso do cadro de Quico Otero antes do descanso ligueiro polo Campionato do Mundo de Fútbol Sala (13-20 de decembro, Alcázar de San Juan-Cidade Real) e con toda probabilidade o último de 2013, posto que o equipo mariñán xa solicitou o aprazamento do partido fronte ao Poio FSF (21 de decembro, xornada 12), permiso outorgado pola RFEF aos equipos que dispoñen de xogadoras seleccionadas para a cita mundial.


Empatado a 25 puntos co Ciudad de Alcorcón, o Burela FS defenderá a segunda praza asediando os movementos do Atlético de Madrid Navalcarnero (28 puntos). O líder visita a pista do Viaxes Amarelle (sétimo, 15 puntos) e Alcorcón recibe o Soto del Real (décimo cuarto, 8 puntos).


As pupilas de Quico Otero mediranse a un equipo que ocupa a sexta praza (16 puntos), serio e ben traballado. “Debemos ter a cabeza no noso sitio porque posúen alternativas para sorprendernos” advertía o técnico mariñán, destacando “a agresividade na presión e o traballo de estratexia” entre as bazas do rival. Despois de tres triunfos consecutivos, o Roldán caeu derrotado ante o UA Alicante (5-3), cita pola que o adestrador murciano foi amoestado con 4 partidos de suspensión.


A expedicón laranxa porá rumbo a terras levantinas esta noite, ás 22.30 horas. A única ausencia será a da xoia burelista Paula. “Chegamos con pequenas molestias que poderemos facer desaparecer agora no descanso de competición” puntualizaba Quico Otero.


Internacionais laranxas. O Burela FS terá a honra de contar con tripla representación no Campionato do Mundo. Lidia Mesías e Peque incorporaranse á concentración de España o domingo na Cidade do Fútbol de Las Rozas (20.00 horas). Jozi, pola súa banda, está chamada para reunirse coa Selección do Brasil o luns en Brusque (Santa Catarina).
 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores