Noticias
1 de decembro de 2013
A guinda do pastel
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén colocou hoxe a guinda do pastel a un ano perfecto coa vitoria na pista do Roldán FSF (2-5), con catro goles de Peque e un de Lidia Mesías, na antesala da súa cita mundial con España. Os tres puntos da 11ª xornada de Primeira permítenlles ás pupilas de Quico Otero seguir pisándolle os talóns ao líder, antes do parón polo Campionato do Mundo (13-20 de decembro, Alcázar de San Juan-Cidade Real).


 


As laranxas metéronse no encontro con garra e fame de gol. Xa no minuto 3, Peque marcou as distancias para o Burela FS, ao recoller unha paralela de Claudia e conseguir regatearaá meta murciana. Con todo, o Roldán FSF contraatacou cunha sólida presión para dificultar a saída de balón das mariñás e buscar o empate, que chegou no minuto 7, con firma de Marta Peñalver, revolvéndose na zona de pivote. As hostes galegas, con plena concentración, volveron mandar no electrónico segundos despois con nova aparición de Peque, que aproveitou un erro de pase das locais para anotar o 1-2, inalterable ata o descanso.


 


No segundo período, o Roldán volveu apostar por unha forte presión durante os primeiros cinco minutos, limitando os movementos laranxas. No entanto, enseguida repregou filas e aí estaba o Burela FS para mover peza. No minuto 30, Lidia, soa ante a porteira, e Peque, roubando no centro do campo, ampliaron vantaxe. Con 1-4, as locais víronse obrigadas a saír con xogo de cinco e rapidamente obtiveron a súa gran recompensa. Cristina reducía distancias en superioridade numérica (minuto 33), aínda que a opción de porteira xogadora non lles reportou máis beneficios; reduciron as tentativas galegas, pero non xeraron demasiado perigo en ataque. A cinco segundos para o final, Peque transformou o definitivo 2-5 a porta baleira tras roubo.


 


Ficha técnica


Roldán FSF: Andrea, Pepa, Juani, Inma Sojo e Marta Pelegrín, cinco inicial; tamén xogaron Sonia, Begoña, Cristina, Marta Peñalver, Maite Mateo, Miriam, Claudia


Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Maite, Bea e Claudia; tamén xogaron Lidia Mesías, Lara, Cristina


Goles: 0-1, minuto 3, Peque; 1-1, minuto 7, Marta Peñalver; 1-2, minuto 8, Peque; 1-3, minuto 30, Lidia; 1-4, minuto 30, Peque; 2-4, minuto 33, Cristina; 2-5, minuto 40, Peque


Árbitros: Rubén Artero // Francisco Gómez (Murcia)


Tarxetas: Por Roldán amarela a Juani (minuto 12) e vermella a Sonia (28). Por Burela FS, amarelas a Peque (minuto 21) e Lidia Mesías ( minuto 34)


Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira División RFEF. Minuto de silencio polo falecemento Ramón Otero Franco, pai do adestrador do CD Burela FS, Quico Otero.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores