Noticias
15 de febreiro de 2014
O Burela FS supera o Umacón nunha tarde de goles (7-5)
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén superou o atranco do Umacón Zaragoza nunha tarde de moitos goles. Os laranxas, que chegaron ao descanso con desvantaxe (1-2), conseguiron dar a volta ao marcador con hattrick de Burrito, dobrete de Antoñito e pincelada de Mata, despois do tanto inaugural de Iago Míguez.


Cando Vista Alegre aínda cantaba pola volta da liga de Primeira LNFS, o Umacón Zaragoza lanzou o seu serio aviso en forma de gol, con Catela (minuto 2). Os laranxas comezaron a mover banco e Iago Míguez saíu á pista como revulsivo no minuto 4 para anotar o empate. O encontro volvía estar equilibrado, pero os mariñáns non se atopaban cómodos en ataque e víanse obrigados a rápidos repregues para evitar o perigo visitante. Iago Míguez (minuto 14) e Matamoros (minuto 18) tiveron nos seus pés as mellores ocasións laranxas. Quen non dubidou foi Richi Felipe, asistido por Retamar, que subiu o 1-2 (minuto 18) co que se esgotou o tempo da primeira parte.


A reflexión do descanso impuxo para os de Juanlu un cambio de dinámica e sinerxias. No segundo período, a aposta ofensiva dos laranxas enseguida atopou a súa merecida recompensa; Antoñito subiu o empate xa no minuto 22. Segundos despois Isi tiña nas súas zapatillas o errado 3-2, que pegou en Abel. Os maños tamén o intentaron na pegada de Retamar, que buscou sorprender a Edu de potente disparo cruzado. Os burelistas, incrementando cada vez máis o seu perigo sobre a meta maña; conseguiron adiantarse con Burrito en galopada, no minuto 28, e ampliar distancias inmediatamente nunha xogada a balón parada que iniciou Mimi e finalizou Antoñito. Superado o ecuador da segunda parte, Matamoros quixo sorprender de lonxe sen resultados. Tras a expulsión de Catela, por dobre amarela, o pichichi laranxa si que atopou o seu tan ansiado gol, no minuto 34, anotando o 5-2 case desde o chan.


Sen marxe para máis erros, o Umacón recuperou terreo con Retamar enfundado de porteiro-xogador; Víctor Tejel superou a Edu no minuto 35. Con todo o xogo de cinco dos visitantes tamén resultou moi gratificante para os burelistas, que volveron incrementar a súa vantaxe con dobrete de Burrito a porta baleira, no 36. Non baixou os brazos Zaragoza e volveu acurtar distancias, co 7-4 de Richi Felipe a tres minutos para o final. Logo de dúas grandes oportunidades laranxas, de Juanma a balón parado, e de Burrito, Victor Tejel anotou o definitivo 7-5.


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Burrito, Isi e Matamoros, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Christian, Iago Míguez, Juanma, Carlitos


Umacón Zaragoza FS: Abel, Catela, Víctor Tejel, Edu Duato e Retamar, cinco inicial; tamén xogaron Carlos García, Keny, Luchi, Richi Felipe


Goles: 0-1, minuto 2, Catela; 1-1, minuto 4, Iago Míguez; 1-2, minuto 18, Richi Felipe; 2-2, minuto 22, Antoñito; 3-2, minuto 28, Burrito; 4-2, minuto 28, Antoñito; 5-2, minuto 34, Matamoros; 5-3, minuto 35, Víctor Tejel; 6-3, minuto 36, Burrito; 7-3, minuto 36, Burrito; 7-4, minuto 37, Richi Felipe; 7-5, minuto 40, Víctor Tejel


Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León)


Tarxetas: Por Umacón amarelas a Retamar (minuto 2), Keny (minuto 5), Edu Duato (minuto 32); expulsión por dobre amarela a Catela (32 e 33). Por Burela FS amarela a Iago Míguez (minuto 17)


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo primeira xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre). Ao redor de 1000 espectadores nas bancadas

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores