Noticias
28 de febreiro de 2014
Duelo irmandiño para celebrar o Entroido Laranxa, con entrada gratuíta (domingo 2, 12.30 horas)

Vista Alegre celebrará o Entroido Laranxa en xornada dominical con duelo irmandiño. Na súa pugna polo soño do liderado, o Burela FS Pescados Rubén recibirá o Viaxes Amarelle, que chega á Mariña na décima praza (22 puntos), para disputar unha festa galega (12.30 horas), con entrada gratuíta para todos os afeccionados.


As coruñesas recalan na costa luguesa tres días despois da derrota en semifinais da Copa Galicia ante o Ponte Ourense (1-5) e tras o empate en liga noutro derbi autonómico, co Poio (2-2). Para Quico Otero, o encontro volverá estar imbuído polo ambiente máxico dos enfrontamentos galegos, con moita rivalidade, nunha cita na que Vista Alegre recibirá caras coñecidas da familia burelista; volverá a ex-capitá e campioa Dolo, coas integrantes daquel emerxente proxecto de Prata Musta e Paula; outra das protagonistas do dobrete co Burela FS, Lucía Nespereira, será dúbida por lesión. “Esperamos un Amarelle agresivo e moi forte en defensa como reflicten os poucos goles que encaixa. Pola nosa banda, conto coa continuidade que estamos tendo, que corrixamos eses erros da segunda parte con UA Alicante e que saibamos ler ben as situacións do partido para seguir puntuando de tres en tres, como é a nosa obriga” explicaba o técnico viveirense.


Maite, que arrastra aínda molestias no nocello, volverá ser baixa; Paula tampouco disporá de minutos, aínda que xa comezou a internarse con máis normalidade na dinámica do equipo; e Lara pode ser dúbida, por unha forte contusión ocular sufrida durante os adestramentos da semana.


No encontro da primeira volta, os tres puntos foron para as mariñás por 1-4.


Podio. Os dous rivais das laranxas terán unha xornada con rivais galegos. O sábado, o líder visita o Valdetires Ferrol, na penúltima praza, e o domingo –co mesmo horario ca as da Mariña- o Ciudad de Alcorcón, terceiro (46), recibe o Ponte Ourense dende a sétima praza.
 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores