Noticias
2 de marzo de 2014
A un punto do liderado
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén aproveitou a súa gran oportunidade para recortar distancias coa primeira praza de Primeira División RFEF. A clara vitoria desta mañá ante o Viaxes Amarelle FSF (7-0) deixa ás pupilas de Quico Otero a tan só un punto do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero (53 puntos), que caeu onte na pista doutro galego, o Valdetires FSF (6-5). Este resultado tamén lles permite ás mariñás ampliar a súa distancia co terceiro, Ciudad de Alcorcón (47 puntos), a 5 puntos despois do empate das madrileñas co Ponte Ourense (3-3).


O conxunto laranxa deixou patente a súa autoridade desde a entrada na pista. Antes de cumprirse o minuto e medio de xogo, un mísil de Peque subiu ao electrónico logo de pegar no largueiro e coarse pola parte interior da liña de meta. Poucos segundos despois, Bea Mateos ampliou distancias desde a banda cun disparo alto directo á rede. Pediu tempo o Viaxes Amarelle para frear a avalancha local, aínda que sen éxito. O Burela FS seguiu medrando en ataque e perigo. Foi entón, no minuto 7, cando as coruñeas optaron polo xogo de cinco, con Mus como acicate; ata o minuto 12, Jozi tan só tivo traballo nun par de ocasións, nun lanzamento afastado de Monchi (minuto 9) que chocou contra o pau e nunha xogada de Cruz (minuto 12) á que se adiantou a meta burelense. Con todo, as mariñás seguiron contando con máis tentativas envelenadas; logo dun par de persecucións de Peque e outra entre Lara e Bea, Lara finalizou o 3-0, nun disparo cruzado que pegou no segundo pau e entrou (minuto 14). O esférico pasou rozando a porta baleira do Amarelle nun par de ocasións chegando ao minuto 16 e no 18 Daniela non deixou escapar as fendas do xogo de cinco para anotar o 4-0, a pase de Peque. Finalizou o Amarelle con porteira xogadora, sen opción de reducir distancias.


O asedio local deu continuidade no segundo período, aínda que con máis resistencia por parte das visitantes, que ofreceron máis orde en defensa. Tras a tentativa da moza Silvia Rubal por sorprender á porteira coruñesa, Dolo fixo o propio cun balón que foi parar ás mans de Jozi. Intentouno tamén Claudia nun lanzamento demasiado alto (minuto 26). Tras a saída de Patri para defender a meta laranxa, chegou o 5-0 nunha xogada combinativa que tocou Daniela ao bordo da liña de meta en última instancia. Cumpríase o minuto 31 de xogo e o Burela FS non cesaba no seu empeño. As mariñás subiron o 6-0 a cinco minutos para o final nun pase longo de Patri, que introduciu Monchi en propia porta na busca do despexe. A falta de 30 segundos, a capitá burelista, Lidia, anotou o 7-0 definitivo superando a defensa visitante polo centro.


A liga de Primeira retomará a competición o 15 de marzo; as burelistas desprazaranse á pista do pechacancelas, AE Vallirana (19.00 horas).


 


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Claudia, Peque, Lidia, Bea, cinco inicial; tamén xogaron Daniela, Lara, Cris, Silvia Rubal, Patri


Viaxes Amarelle FSF: Leticia, Dolo, Mus, Cruz, Lucía Gómez, cinco inicial; tamén xogaron Monchi, Patri, Sheila, María Gómez


Goles: 1-0, minuto 1, Peque; 2-0, minuto 2, Peque; 3-0, minuto 14, Lara; 4-0, minuto 18, Daniela; 5-0, minuto 31, Daniela; 6-0, minuto 35, Monchi (p.p.); 7-0, minuto 40, Lidia Mesías


Árbitros: Villanueva Blanco // Franco Veiga (Galicia)


Tarxetas: Por Amarelle amarela a Mus (minuto 4), Lucía Gómez (minuto 10), Sheila (minuto 32), Cruz (minuto 40) Incidencias: Partido correspondente á xornada 20ª da Primeira División RFEF. Pavillón Vista Alegre de Burela, 400 espectadores

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores