Noticias
7 de marzo de 2014
Festa mariñá en Vista Alegre: Burela FS-Xove FS (sábado 8, 17.00 horas)
Foto: A Caixa Escura

Vista Alegre vivirá mañá unha festa mariñá do fútbol sala co sempre apaixonante derbi entre o Burela FS Pescados Rubén FS B e Pizzería A Fuga SD Xove FS. O encontro da 21ª xornada de Terceira División dará comezo ás 17.00 horas, con dous equipos fronte a fronte en duelo de contrastes.


A falta de seis xornadas para o remate ligueiro, o cadro laranxa pelexa pola cuarta praza, empatado a 35 puntos coa Estrada FS, que se deberá medir esta fin de semana ao segundo clasificado, Concello de Vigo IES Coruxo. Pola contra, os xovenses encaran o derbi pechando a táboa, con 12 puntos.


“Chegamos moi ilusionados polas opcións de escalada que estamos xerando nas últimas xornadas” aseguraba con optimismo o técnico laranxa, Lucas, non sen advertir da complexidade e falta de previsión dos derbis. “Será un partido duro, xa non só pola motivación que se respira neste tipo de enfrontamentos, senón porque o Xove chega con necesidade de puntos e virá a por todas” adiantaba o adestrador. "Debemos aproveitar o calendario para intentar engancharnos ao podio, a tan só dous puntos; aos nosos rivais aínda lles quedan enfrontamentos directos e nós, pola contra, medirémonos a equipos de abaixo, excepto Pazos, que está na sexta praza" explicaba así o laranxa as posibilidades do seu conxunto.


Lucas non poderá dispoñer de Bruno de Nois, que tivo que retirarse da pista a xornada pasada por unha nova fisura do quinto metatarso. Como boas novas, volven á competición Antón Couto e Manu, recuperados xa da lesión de clavícula e escordadura de xeonllo respectivamente. O técnico laranxa completará a convocatoria coa presenza do xuvenil Renato Lopes.


Na primeira volta, os tres puntos foron para os burelistas 1-3.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores