Noticias
8 de marzo de 2014
Montesinos Jumilla FS 6-2 Burela FS Pescados Rubén
Fotos: Montesinos Jumilla FS Foto: Montesinos Jumilla FS
O Burela FS Pescados Rubén non puido completar esta tarde a xesta dos tres puntos antes de recibir o parón ligueiro. O conxunto laranxa mantivo o equilibrio na difícil pista do novel Montesinos Jumilla FS ata a metade do segundo período, aínda que a expulsión de Matamoros, unida ás baixas con que viaxou, o condicionaron en exceso para afrontar o tramo final con garantías (6-2). Este resultado mantén os de Juanlu na oitava praza (30 puntos) a tres da sétima, custodiada polo Ríos Renovables que venceu ao Pozo (3-2), e avantaxando en 1 ao Montesinos.

Murcianos e galegos viviron unha xornada moi equilibrada na primeira parte na que os goles se resistiron ata rozar o ecuador; o Burela FS escados Rubén estivo ben ordenado en defensa, aínda que con problemas na saída de balón, fronte a un Montesinos Jumilla FS máis intenso en presión. Ao 1-0 de Josiko (minuto 19), o conxunto mariñán reaccionou co pasaporte do seu pichichi, Matamoros, para recibir o tempo de descanso con empate.

A escuadra laranxa volveu á pista máis enchufada. Aínda que as primeiras chegadas estiveron nos pés dos laranxas, foi o Jumilla no que atopou de novo primeiro a diana, no minuto 28, de Suazo. Poucos segundos despois, malia a expulsión de Mata, que recibiu a segunda amarela, o Burela FS conseguiu igualar a contenda, nas zapatillas de Burrito. Con 2-2, o equipo de Juanlu intentou manter o electrónico en táboas, pero no último segundo da inferioridade numérica chegou o mazazo para os galegos, co 3-2 de Ique (minuto 31), que se ampliou no 32, con Baca. Os mariñáns, moi danados pola ausencia de Mata unida ás baixas de Christian e Hugo, intentaron reaccionar con xogo de cinco a falta de pouco máis de catro minutos, con Mimi como estandarte; logo dun par de ocasións con perigo sobre a meta murciana, o Jumilla non desaproveitou as súas oportunidades a porta baleira, distanciándose no marcador ata 6-2 (minutos 38 e 39), coa firma de Pizarro e Chino.

Copa Galicia. O Burela FS Pescados Rubén recibirá o vindeiro mércores, 12 de marzo, o Azkar Lugo en semifinais da XXIII Copa Galicia. Vista Alegre acollerá o encontro a partir das 20.30 horas. Para os socios laranxas a entrada será gratuita; a venda anticipada para non socios estará dispoñible na sede do club burelista ata o mércores ao mediodía (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo): adultos-12 euros, menores de 18 anos-2 euros.





Ficha técnica

Montesinos Jumilla FS: Chico, Lolo Suazo, Pizarro, Pichi, Rober, no cinco inicial; tamén xogaron Ángel, Baca, Christian, Ique, Josiko, Chino

Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Burrito, Isi, Matamoros, no cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Juanma, Carlitos, Antoñito

Goles: 1-0,minuto 19, Josiko; 1-1, minuto 19, Matamoros; 2-1, minuto 28, Suazo; 2-2, minuto 29, Burrito; 3-2,minuto 31, Ique; 4-2, minuto 32, Baca; 5-2, minuto 38, Pizarro; 6-2, minuto, 39, Chino

Árbitros: Cuesta Sánchez // García Morón

Tarxetas: Por Montesinos amarelas a Josiko (minuto 26) e Pizarro (minuto 32). Por Burela FS dobre amarela e expulsión a Matamoros (minutos 18 e 29) e amarela a Iago Míguez (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada de Primeira División LNFS
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores