Noticias
12 de marzo de 2014
O Burela FS, finalista da XXIII Copa Galicia
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén conseguiu esta tarde o billete para a final da XXIII Copa Galicia tras impoñerse ao actual campión, Azkar Lugo FS, cun traballado 1-0; á rápida expulsión de Mimi, no tramo inicial, o banco laranxa viuse minguado na segunda parte pola ausencia de Mata e, máis tarde, Antoñito por molestias.


Laranxas e transportistas viviron uns primeiros minutos convulsos, aínda que con máis perigo por parte das filas locais. O Burela FS viuse obrigado a remar contra unha ausencia máis, a de Mimi, expulsado xa no minuto 3 por dobre amarela, por agarrar nun ataque lugués e nun saque de esquina favorable para os de Juanlu. Malia isto a presión local non sufriu en intensidade; Mendiola tivo máis traballo ca Edu, sempre correcto nas poucas chegadas con perigo dos lugueses. Vista Alegre puido poder cantar o primeiro gol burelista no minuto 7, cun esférico que case coa Cuco en propia porta na tentativa de despexe. Tan só un minuto despois, Burrito e Juanma tiveron as súas oportunidades ante Mendiola. A xoia laranxa, Carlitos, tamén levantou a afección mariñá, no 12, a piques de chegar a un balón cruzado de Mata, só ante o meta rival. Doutra ocasión por partida dobre, dispuxeron os burelistas no 17, de Iago Míguez primeiro e logo de Antoñito con Mata, neutralizada pola defensa visitante. A ocasión máis envelenada para os de Diego Ríos protagonizouna Chano no 18, cun potente disparo baixo que chocou no pau. Antes de marcharse ao descanso, Mata, ao bordo da liña de meta, volveu dispoñer dun balón de ouro para adiantarse, tras xogada entre Burrito e Isi.


Sen movementos no luminoso, a segunda parte con máis velocidade por ambas as partes, con ganas de inaugurar as súas respectivas contas goleadoras. Tras unha gran perforación de Antoñito polo centro da defensa do Azkar, no minuto 22, os laranxas resolveron o perigo transportista coa garantía de Edu no 23 e 25 e máis tarde, no 27, cun despexe moi oportuno de Antoñito. Tampouco puido co naronés o Azkar roldando o ecuador do segundo tempo, con Álex Diz e Zala. Tras a tentativa de Jandri, no 31, un balón longo dos locais a punto estivo de sorprender a Mendiola.


O Burela FS non estaba disposto a deixar escapar o seu billete para a final galega. Avisaron os laranxas nunha acertada contra iniciada por Carlitos; a pase de Burrito, Juanma topouse co pau (minuto 34). Nun novo contraataque, de Burrito, Isi subiu o tan merecido gol mariñán, apoiado por Iago Míguez (minuto 35). Reaccionaron os de Lugo con Álex Diz como porteiro xogador; soportou sen alterarse o xogo de cinco a escuadra de Juanlu ata a bucina final.


 


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Burrito, Isi, Iago Míguez, Juanma


Azkar Lugo FS: Mendiola, Diego Núñez, Cuco, Chano, Iago Rodríguez, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Jandri, Aranburu, Antonio Diz, Zala


Goles: 1-0, minuto 35, Isi


Árbitros: Esteban Otero // José Ángel Vilas // Emilio Losada (cronom.), de Santiago


Tarxetas: Por Burela FS dobre amarela a Mimi (minutos 2 e 3), amarela a Edu (minuto 36). Por Azkar amarela para Iago Rodríguez (minuto 14)


Incidencias: Partido correspondente a semifinais da XXIII Copa Xunta de Galicia disputado en Vista Alegre con arredor de 700 afeccionados/as

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores