Noticias
27 de marzo de 2014
O Burela FS difunde o fútbol sala entre o alumnado de Nois e Trabada
Visita ao CEIP Fondo Nois Visita ao CEIP Celso Currás de Trabada

O CD Burela FS Pescados visitou esta semana os centros de educación primaria de Nois e Trabada para difundir e promover a práctica do fútbol sala entre o seu alumnado.


O luns pasado, David ‘Burrito’, o porteiro Brais, Bea Mateos e o director da ED Burela FS, Alfonso Mera, achegáronse ao CEIP Fondo Nois de Foz, onde gozaron de exercicios e xogos co balón xunto ao alumnado de 3º e 4º. Onte, o destino para a filosofía laranxa encamiñouse ao CEIP Celso Currás de Trabada, coa presenza do pichichi burelista, Matamoros, Hugo e a gardameta Patri, xunto aos monitores da base laranxa Christian Fustes e Mario Pillado, que foron gratamente recibidos polos rapaces/as do centro; todo o alumnado, entre 1º e 6º, tivo a oportunidade de plantarse ante os xogadores burelistas para intentar soprender a Patri baixo os paus.


Alfoz, Lourenzá, Cervo, Foz e Covas serán algúns dos destinos da familia burelista nas próximas semanas, dentro do seu programa de difusión da práctica deportiva saudable e en igualdade entre a xuventude da Mariña; os destinatarios das visitas poden escoller ademais invitacións para presenciar algún partido de Primeira División en Vista Alegre ata finais de tempada. Nesta edición, a iniciativa laranxa arrincou a semana pasada, compartindo moitos dos segredos do fútbol sala co estudantado do CEIP Número 1 de Cervo, en San Cibrao.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores