Noticias
5 de abril de 2014
Burela FS 3-0 Móstoles FSF
Foto: A Caixa Escura Foto: A Caixa Escura
O CD Burela FS Pescados Rubén non defraudou e conseguiu sumar esta tarde tres puntos na visita do Móstoles FSF (3-0), mantendo intactas as súas opcións para seguir a pola carreira do liderado a seis xornadas para o final ligueiro.

Os primeiros minutos transcorreron en Vista Alegre con chegadas cada vez máis perigosas por ambas as bandas, resoltas por Anita e Jozi. Lara tivo nas súas zapatillas a primeira gran ocasión das laranxas, no minuto 6, desde saque de esquina. Pouco despois, Jozi saíu ao bordo do área para bloquear unha agresiva tentativa de Patri Chamorro. Volveu á carga Peque, no 8 cun pelota picada e roldando o ecuador de lonxe. A punto estivo Vista Alegre de cantar o primeiro gol mariñán, da pichichi, nun descoido de Patri Chamorro na zona de perigo da pista mostoleña, pero pouco despois chegou por fin o tan ansiado gol, de Lidia (minuto 16), que recibiu de costas na área rival e revolvéndose perforou a rede cun balón raso que rozou o pau. Con 1-0, a bomboneira chegou ao descanso.

A cor laranxa intensificouse na segunda parte. Xa no minuto 22, o Burela FS ampliou distancias con Daniela nun potente disparo de lonxe que intentou parar sen éxito Anita e se coou pola escuadra. A xogadora colombiana volveu ter un balón de ouro no 24, apoiada por Peque, tras unha perda do Móstoles nun saque. Tras superar o minuto 10 do segundo período, a 7 laranxa volveu ceder un gran pase ao que Lara non conseguiu chegar. A falta de pouco máis de cinco minutos para o final, o Móstoles saíu con Patri Chamorro como porteira xogadora, opción que enseguida desbotou por falta de resultados. No 36, Claudia materializou o 3-0, que sería definitivo, polo centro desde fóra da área. Aínda tiveron nos seus pés Lidia e Bea Mateos un par de oportunidades de ampliar o marcador; no 37, tras galopada asistida por Peque, a capitá lanzou o esférico ao largueiro e, a falta de minuto e medio para a bucina final, Bea Mateos quedou cravada ao bordo da liña de meta.


Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Claudia, Bea Mateos, Daniela, Peque, cinco inicial; tamén xogaron Lidia, Lara, Maite

Móstoles FSF: Anita, Patri Chamorro, M. Otero, Inma, Eva Manguán, cinco inicial; tamén xogaron Peque, Rakel, Rocío

Goles: 1-0, minuto 16, Lidia; 2-0, minuto 22, Daniela; 3-0, minuto 36, Claudia

Árbitros: Manuel Crujeiras Rodríguez // David Valdés Urraca

Tarxetas: Por Burela FS, amarela a Lidia (minuto 28). Por Móstoles FSF, amarela a Eva Manguán (minuto 31)

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada de Primeira División RFEF. Arredor de 500 espectadores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores