Noticias
11 de abril de 2014
O cadro laranxa visita Os Remedios á caza do líder
Foto: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén gozará mañá dunha nova experiencia de derbi galego, na 25ª xornada de Primeira División, fronte ao Ponte Ourense. O cadro laranxa visitará Os Remedios, ás 17.00 horas, manténdose á caza do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero, que avantaxa as mariñás (61 puntos) en dous puntos.


“O Ponte é un cadro que por configuración debería estar pelexando con nós arriba. Demostrou do que é capaz cos grandes; empatou co Navalcarnero e Ciudad de Alcorcón e a nós tamén nolo puxo moi difícil” avaliaba así a perigosidade do rival –sétimo na táboa- o técnico burelista, Quico Otero, lembrando o traballado 5-4 de Vista Alegre e salientando as múltiples alternativas de xogo ourensán, “con pivote, de catro... con xogadoras con gol, que saben ler o partido”. “É unha mágoa que non estea máis arriba na clasificación; a irregularidade do primeiro tramo da primeira volta pesoulles demasiado” puntualizaba o viveirense.


O cadro de Quico Otero realizará esta tarde, ás 20.00 horas, o último adestramento da semana, sen lesións no vestiario; Paula, incorporada completamente á dinámica do equipo, podería gozar dalgún minuto.  Mañá, ás 10.30 horas, partirá con rumbo aos Remedios.


Tras o partido en Ourense, o CD Burela FS Pescados Rubén deberá agardar ao desenlace entre o Atlético de Madrid Navalcarnero e La Rioja FSF, sexto clasificado, que se medirá o domingo, ás 13.00 horas (La Estación).


Pontinas e laranxas volverán verse as caras na final da XXIII Copa Galicia, o 1 de maio, en Ferrol (A Malata, 17.00 horas).


Gotas para Níxer


O CD Burela FS Pescados Rubén participou esta mañá na carreira solidaria de Unicef ‘Gotas para Níxer’, coa presenza das xogadoras Lara, Bea Mateos e Cris, acompañadas polos técnicos da base Christian e Javi. Preto de 200 rapaces/as dende o IES Monte Castelo e a Fundación Eu Son correron na cita organizada a través da Concellería de Medio Ambiente de Burela, que contou coa colaboración do alumnado do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao. Os participantes na carreira colaboraron con Unicef mercando os seus dorsais por 1 euro cada un; a recadación será destinada ao proxecto ‘Gotas para Níxer’.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores