Noticias
12 de abril de 2014
Triunfo no derbi e líderes
O Burela Pescados Rubén imponse por 2-4 no derbi galego disputado en Os Remedios ante o Ponte Ourense e déitase como líder da Primeira División á espera do duelo entre o Atlético de Madrid e Rioxa que se disputa mañá ás 13.00 horas.
Nun escenario complicado, as mariñáns sumaron tres puntos vitais ante un Ponte Ourense competitivo que vendeu cara a súa derrota. O Burela Pescados Rubén superou a presión inicial das ourensáns e por mediación de Maite logrou situarse con vantaxe (0-1) aínda que a resposta local foi inmediata, establecendo Laura o empate (1-1) tras un córner. Con igualdade e máxima intensidade ambas escuadras buscaron a meta rival pero sería de novo o Burela o que definía, nesta ocasión a protagonista foi Bea Mateos que situou o 1-2 co que se chegou ao descanso. Na segunda parte, as burelesas foron impoñendo o seu ritmo, variando os seus recursos e co 1-3 logrado por Peque minaron a unha escuadra local incapaz de manter a presión do primeiro periodo. O Burela tomou definitivamente as rendas do encontro e co 1-4, marcado por Bea Mateos, obrigou ao Ponte a optar polo xogo de cinco. Dryca recurtou distancias no último minuto, situando o 2-4 definitivo que permite ao Burela Pescados Rubén acostarse coma líder. Ficha técnica Ponte Ourense: Vane, Souza, Rosangela, Marta, Laura –cinco inicial- Anita, Bea Seijas, Dryca. Burela Pescados Rubén: Jozi, Bea Mateos, Peque, Claudia, Daniela –cinco inicial- Lidia, Lara, Maite. Goles: 0-1, m.7, Maite; 1-1, m.7, Laura; 1-2, m..9, Bea Mateos; 1-3, m.26, Peque; 1-4, m. 33, Bea Mateos; 2-4, m.39, Dryca. Árbitros: Oliver Cardero, Fidel González. Amosaron cartón amarelo a Rosangela e Bea Seijas no Ponte Ourense e polo Burela Pescados Rubén a Bea Mateos e Lara.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores