Noticias
18 de abril de 2014
Vista Alegre xógase o billete ao play off en derbi co Santiago Futsal (sábado 19, 18.30 horas)
Foto: A Caixa Escura Foto: Santiago Futsal
Vista Alegre prepárase para o gran día. A bomboneira ten mañá nas súas mans o billete para o play off a dúas xornadas do remate ligueiro nunha gran festa do fútbol sala galego (18.30 horas), coa vista do Santiago Futsal, que chega á Mariña coas mesmas necesidades ca os laranxas. O cadro de Juanlu pechou a preparación da semana esta mañá, sen novidades na convocatoria. O vestiario ao completo estará preparado para a gran cita do ano; Hugo, que mantivo repouso durante estes días por unha luxación de clavícula, tamén entrará na lista.

Composteláns e burelistas chegan ao compromiso decisivo defendendo a oitava e novena prazas respectivamente, empatados a 36 puntos e tamén con igualada na primeira volta, no Sar (1-1). Despois dunha meritoria segunda volta, con 20 puntos en 12 partidos, agora tócalle decidir á Mariña: “É o momento de desquitarnos dunha primeira volta discreta e de recuperar eses tres puntos que perdemos de Santa Coloma (4-5) nos minutos finais. Se nos facemos coa vitoria, a presenza en play off estaría garantida nun 90% antes do partido final” así falaba das posibilidades laranxas Juanlu.

Presión, intensidade e contraataque son as grandes armas santiaguesas contras as que debe pelexar o conxunto burelao. “Espero un encontro equilibrado; os dous equipos traballamos ben en defensa, pero tamén aos dous nos está custando facer goles. Creo que teremos un final apertado” adiantaba Juanlu, incidindo na transcendencia da fortaleza burelista dende o asubío inicial: “Temos que saír fortes dende o comezo, porque se se poñen por diante, aínda o teremos máis complicado precisamente por esa presión e intensidade que exercen” puntualizaba o adestrador mariñán.

Mañá será o día de Vista Alegre, da fiel marea laranxa que sempre axuda o CD Burela FS cos seus cánticos, coa súa calor, co seu especial agarimo… nos momentos decisivos. “É o día de Vista Alegre, da pista e da bancada. Sabemos que non vai ser todo perfecto, que imos pasar momentos difíciles durante os corenta minutos e é aí onde a afección nos ten que axudar para poder volver tomar as rendas e seguir pelexando” dicía Juanlu.

Despois de xa visitar a bomboneira o martes pasado en amigable solidario cos laranxas, a selección de Vietnam e o seu técnico, o ferrolán Bruno García, tamén presenciarán o emocionante derbi galego polo play off.


Última xornada

Os pupilos de Juanlu despedirán a fase regular de liga o venres 25, na pista do Marfil Santa Coloma, ás 21.00 horas (horario unificado). Ao Santiago Futsal tocaralle recibir a ElPozo Murcia.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores