Noticias
26 de abril de 2014
Burela FS 1-4 Roldán FSF
Foto: A Caixa Escura
O Burela FS Pescados Rubén non puido cumprir hoxe co obxectivo dos tres puntos na visita a Vista Alegre do férreo Roldán FSF (1-4); logo dunha primeira parte dubitativa, as mariñás intentaron recuperar as súas forzas sen fortuna na finalización. Este resultado deixa as laranxas a 5 puntos do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero, que liquidou a súa cita fronte ao Viaxes Amarelle con 5-2.

Ás burelistas custoulles entrar no ritmo de xogo; saltaron á pista lastradas por certa lentitude e con perdas de balón, ante a constante presión do Roldán. No minuto 12, as visitantes estrearon o marcador, nunha xogada de falta finalizada por Maite. Con 0-1 a bucina anunciou a chegada do descanso; Jozi, moi oportuna nas súas aparicións, conseguiu frear as embestidas visitantes.

Tras o descanso, as laranxas volveron á pista con máis frescura. A perigosidade e as ocasións equilibráronse, con gran protagonismo e acerto por parte de ambas as metas; Patri asumiu a defensa dos paus laranxas na segunda parte, polas molestias de Jozi tras unha saída de portería antes do descanso. O Roldán FS foi de novo o primeiro en atopar o gol, no minuto 26, ao culminar Marta Peñalver desde o bordo da área unha recuperación de balón tras saque desde a meta galega.

Con 0-2 e superado o ecuador do segundo período, o Burela FS apostou con Claudia como porteira xogadora, desde o minuto 34, pero a fortuna caeu do lado visitante, con tanto de Juani a porta baleira (minuto 35). Seguiu insistindo o cadro de Quico Otero con xogo de cinco e cada vez con máis perigo, aínda que con resistencia da portería. Xa na recta final, no último minuto, o Roldán volveu tomar baza para subir o 0-4, nun balón en pugna entre Maite e Claudia que acabou rebotando e superando a liña de meta local. A falta duns 20 segundos, o Burela FS atopou o seu tan traballado gol, nos pés de Lara, ao segundo pau, sen tempo para máis.

Próxima xornada. As mariñás visitarán a próxima semana, na 27ª xornada, o Poio FSF. Pola súa banda o Atlético tamén xogará a domicilio, con derbi, fronte ao Móstoles.

Ánimo equipo! Aínda quedan catro xornadas para demostrar que o Burela FS nunca se rende. Todo é posible e seguiremos pelexando polo Horizonte Laranxa.


Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Bea Mateos, Claudia, Lara, cinco inicial; tamén xogaron Lidia, Daniela, Cris e Patri

Roldán FSF: Sonia, Marta Pelegrín, Inma, Juani, Alba, cinco inicial; tamén xogaron Pepa, Miriam, Marta Peñalver, Maite

Goles: 0-1, minuto 12, Maite; 0-2, minuto 26, Marta Peñalver; 0-3, minuto 35, Juani; 0-4, minuto 39, Maite; 1-4, minuto 39, Lara

Árbitros: Ángel Vilas // José Luis Rey

Tarxetas: Por Burela FS amarela Bea Mateos e por Roldán FS, a Marta Pelegrín

Incidencias: Partido correspondente á 26ª xornada de Primeira División RFEF. Arredor de 400 espectadores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores