Noticias
17 de maio de 2014
Dobrete no Palacio. A polo hat trick!!!
O desafío continúa. Hai terceiro partido en Murcia trala brillante vitoria do Burela Pescados Rubén ante ElPozo Murcia (3-4). O deporte, si o mereces, acostuma a conceder outra oportunidade e no Palacio dos Deportes de Murcia a escuadra guiada maxistralmente por Juanlu Alonso presentouse con espírito de revancha para citarse co destino e repetir a fazaña de asaltar o feudo murciano. Por segunda vez na tempada e con idéntico marcador (3-4).
Fotografía: LNFS Fotografía: LNFS
Cando case todos enterraran ao Burela Pescados Rubén, uns poucos mantiveron a confianza e o equipo mariñao demostrou a súa coraxe e determinación para igualar a eliminatoria (1-1) de Cuartos de Final do Play Off polo título de Primeira División. Un club de pobo segue pelexando entre os mellores. Quizais se logre o desafío ou quizais non pero o Burela Pescados Rubén volveu a escribir unha páxina dourada na súa curta traxectoria.

O reto segue sendo compricado pero a histórica vitoria do Burela Pescados Rubén no Palacio traslada toda a presión a un conxunto murciano que viu como os laranxas asaltan por segunda vez o seu mítico fortín. O encontro pouco ou nada tivo que ver co de Vista Alegre, sen ataduras os de Juanlu Alonso xogaron un auténtico partidazo. Malia que Franklin adiantou ao seu equipo (1-0) os bureleses responderon con determinación. Matamoros, o killer laranxa, tirou de clase para bater a Rafa (1-1) e avisar que o Burela Pescados Rubén non ía ser unha comparsa nesta festa do Fútbol Sala. A escuadra galega mostrouse moi compacta en defensa e ao descanso chegouse coas táboas no marcador.

Na continuación, os bureleses reforzaron a súa moral co 1-2 logrado por Iago Míguez nun contragolpe perfecto. O nerviosismo apareceu nas filas murcianas que aumentou co 1-3 de Christian, minuto 34. Este non era o guión que tiña en mente ElPozo Murcia que se viu obrigado ao xogo de cinco con Adri de protagonista nun minuto de infarto. Recortou distancias (2-3) e marcou en propia porta (2-4). Recta final do choque cun Burela Pescados Rubén que logrou capear o empuxe final dos murcianos tralo 3-4 conseguido por Kike e lograr un glorioso triunfo para o recordo.

O seguinte capítulo escríbese o domingo 18, ás 12.00 horas no Palacio dos Deportes de Murcia. ¿O desafío é complicado? Si. ¿Imposible? Si o consegues dúas veces, é que podes repetilo.


Declaracións post-partido

O vicepresidente do club, José Luis Sáez, manifestou tralo encontro que “fai dúas tempadas xogabamos o Play Off para o ascenso a Primeira División e o domingo xogaremos pola semifinal da mellor liga do mundo grazas a un persoal loitador guiado excepcionalmente por Juanlu e Mera. Nestes momentos de ledicia quero agradecer a toda a grada de Vista Alegre o seu apoio incondicional durante todo o ano , este triunfo tamén é deles".

Juanlu Alonso declarou que a vitoria se fundamentou “na defensa e no factor emocional xa que estabamos feridos trala derrota en Vista Alegre, sobre todo pola forma en que perdemos. ElPozo presentouse en Burela ferido trala derrota da Copa do Rei e un gran rival ferido é moito máis perigoso. Xogar de ti a ti a un equipazo como eles é arriscado e quizais non estamos aínda preparados para iso”.

Respecto ao terceiro partido indicou que “a nosa baza pasa por xogar un partido coas características desta noite. ElPozo intentará corrixir erros, Somos profesionais e queremos competir. Está claro que eles son os favoritos pero faremos todo o posible por gañar”.

Ficha técnica
El Pozo Murcia: Rafa, Gréllo, Franklin, Bebe e José Ruiz. Tamén xogaro: Adri, Kike, Eka e Raúl Campos.

Burela Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Isi e Mimi. Tamén xogaron: Antoñito, David e Christian.

GOLES: 1-0 (11´) Franklin. 1-1 (11´) Matamoros. 1-2 (27´) Iago Míguez. 1-3 (34´) Christian. 2-3 (34´) Adri. 2-4 (34´) Adri (p.p.). 3-4 (38´) Kike Boned.

ÁRBITROS: Cuesta Sánchez e García Morón
Cartón amarelo aos burelaos David, Matamoros, Edu, Mimi. Ningún para os locais.

Palacio de Deportes de Murcia. 3800 ESPECTADORES

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores