Noticias
19 de maio de 2014
Fin de curso. A mellor tempada da historia laranxa
A tempada 2013/2014 pasará á historia do CD Burela FS Pescados Rubén como a estrea do club burelés no Play Off polo título de Primeira División e, consecuentemente, a mellor da súa historia. Na segunda tempada na máxima categoría, o Burela Pescados Rubén continúa coa súa progresión na élite do Fútbol Sala nacional. Na actual campaña, o Burela Pescados Rubén logrou situarse entre os mellores de España. Sétimo clasificado en Liga Regular e disputar os cuartos de final ante un poderoso ElPozo Murcia ao que obrigou a un terceiro partido para desempatar a eliminatoria.
Cuartos de final Play Off. ElPozo Murcia logrou a súa clasificación para semifinais por 2-1. Vitoria de ElPozo en Vista Alegre ((3-8), golpe que os bureleses devolveron no segundo encontro cun histórico triunfo no fortín charcutero (3-4). Únicamente o Burela Pescados Rubén lograra vencer en Liga Regular no Palacio e os de Juanlu Alonso reeditaron a fazaña para igualar a eliminatoria (1-1). Un triunfo que será recordado durante tempo xa que profanar dúas veces o templo murciano non parece ser tarefa sinxela. A eliminatoria entre galegos e murcianos foi a única que necesitou dun terceiro partido para dirimir ao semifinalista.

Terceiro asalto. ElPozo, co orgullo moi ferido e o Burela Pescados Rubén, con ilusión aínda que mermado de efectivos polo gran esforzo do segundo envite, afrontaron un terceiro partido para un posto nas semifinais da mellor liga do mundo. O Burela Pescados Rubén logrou adiantarse pero os locais reaccionaron aplicando a súa mellor versión, conscientes do que moito que se xogaban. Unha terceira vitoria laranxa no Palacio e a eliminación frustaría a súa candidatura ao título de campión. ElPozo tirou dos seus innumerables recursos e da súa velocidade de cruceiro para liquidar con autoridade (10-1) o duelo ante o Burela Pescados Rubén que se entregou en corpo e alma ante o descomunal desafío que supoñía sorprender a un grande como ElPozo.

Fin de curso. O Burela Pescados Rubén como alumno aplicado e esixente, tomou bos apuntes na súa primeira experiencia nos Play Off e despide a tempada 2013/2014 como a mellor da súa curta e intensa traxectoria. O Burela Pescados Rubén, que seguirá adestrando, situou unha vez máis o nome de Burela, A Mariña, Lugo e Galicia entre a élite do Fútbol Sala.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores