Noticias
5 de agosto de 2014
Carlos Valle incorpórase coma profesional ao equipo de Primeira División
O canteirán Carlos Valle Izaguirre será xogador profesional do Burela Pescados Rubén. Tras completar a súa formación deportiva durante a tempada anterior, compaxinando o equipo senior e de Terceira División. O xogador burelés convenceu a Juanlu Alonso para formar parte, a todos os efectos, do equipo profesional da entidade laranxa.
Durante a tempada anterior Carlos Valle xa adestrara con regularidade co primeiro equipo e disputado algúns encontros da máxima categoría. Con 20 anos, a á-pivot mariñao gañouse a oportunidade de integrarse completamente na dinámica do equipo profesional grazas a súa progresión e actitude. Na tempada 2014/2015, o club manterá a mesma política de potenciar a canteira e, nesta ocasión, serán Renato, Helder, Antón e Erik os que teñan a oportunidade de avanzar na súa formación deportiva adestrando con regularidade co primeiro equipo e compaxinando partidos co filial. O canteirán estivo acompañado na súa presentación na oficina do club polo presidente, Manuel Blanco, e o adestrador do primeiro equipo, Juanlu Alonso.

O presidente declarou sobre a incorporación definitiva do canterano que é “un orgullo para o club ir subindo xogadores da canteira ao equipo senior. A presenza de Carlos como xogador profesional referenda a nosa aposta polas categorías de base, política que potenciamos aínda máis esta tempada coa presenza de Renato, Helder, Erik e Antón. Con eles realizarase o mesmo procedemento que se levou con Carlos; adestramento habitual co equipo senior e os partidos en función das necesidades do equipo. Con iso fomentamos que o seu período de formación se enriqueza e que estean mellor preparados para dar o salto definitivo do mesmo xeito que sucedeu con Carlos”.

Pola súa banda, Carlos Valle comentou que “é unha ilusión enorme formar parte do equipo senior. É un soño feito realidade, levo nas categorías de base desde benxamíns e para a min é unha gran oportunidade que quero aproveitar.Confío nas miñas posibilidades e quero aportar o meu gran de area para conseguir os obxectivos fixados polo club”. O técnico laranxa, Juanlu Alonso, valorou é ascenso de Carlos Valle como “unha noticia positiva para a entidade. Esperamos que esta tempada avance un paso máis na súa formación. Está tendo unha boa progresión e a nosa ilusión é que sexa a tempada da súa confirmación. Na anterior realizou un gran traballo, confiamos en que continúe coa súa evolución e o seu esforzo e dedicación teña os seus froitos esta tempada”.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores