Noticias
11 de agosto de 2014
O Burela Pescados Rubén recibiu a visita da Federación Francesa de Fútbol, representada por Raphael Reynaud y Philippe Lafrique
A Federación Francesa de Fútbol está a desenvolver un Programa Integral de Formación de Fútbol Sala para técnicos e xogadores co fin establecer a base sobre a que este deporte se desenvolva e evolucione nun marco apropiado, con cursos específicos de Fútbol Sala para técnicos. Na actualidade o Programa atópase en fase de recopilación de información e a federación francesa elixiu como un dos puntos de interese ao CD Burela FS Pescados Rubén.
Ata a localidade mariñana desprazáronse o Seleccionador Sub21 de Fútbol Sala, Raphael Reynaud, e o Xefe da Delegación de Francia Sub21, Philippe Lafrique, que tamén exerce como Secretario das Comisións de Futsal de Francia. Os días 8 e 9 de agosto, observaron os adestramentos dos equipos bureleses de Primeira División e informáronse do funcionamento e estrutura do club burelés. O seleccionador francés, Raphael Reynaud, declarou que “estamos gratamente sorprendidos co CD Burela FS Pescados Rubén. Non coñeciamos o club e cando consultamos con Venancio López, seleccionador español, un club que resultase interesante para o noso proxecto aconsellounos o Burela Pescados Rubén e a verdade é que ao buscar Burela no mapa parecíanos incrible que un lugar tan pequeno contase cun club tan estructurado e con equipo masculino e feminino en Primeira División, ademai da base. España é unha referencia mundial neste deporte e para nós é moi importante coñecer o funcionamento do Fútbol Sala”.

Raphael Reynaud é o responsable na federación francesa de estudar os aspectos defensivos do Fútbol Sala e destacou que o seu proxecto “está pensado para que nun futuro próximo os clubs franceses de fútbol teñan nas súas escolas técnicos e equipos de Fútbol Sala. Consideramos que o Fútbol Sala en categorías de base é beneficioso para a formación de xogadores. Despois as calidades ou circunstancias determinarán si son xogadores de fútbol ou fútbol sala pero con iso conseguimos un dobre obxectivo. Potenciar o desenvolvemento adecuado do Fútbol Sala e complementar a formación de futuros xogadores de fútbol coa técnica e conceptos do Fútbol Sala”. Pola súa banda, o directivo do club burelés, Marcelino Luna, agradeceu a visita de expedición francesa e destacou “a importancia e o orgullo que supón para os mariñaos que o CD Burela FS Pescados Rubén sexa un referente nacional e internacional. Debemos ser conscientes que estamos nun escaparate global e que o deporte non coñece fronteiras”.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores