Noticias
22 de agosto de 2014
Sabor de Galipizza na presentación de Kiko
O Burela Pescados Rubén presentou oficialmente a Lucía Souto Patiño, coñecida deportivamente como Kiko, que chega ao conxunto da Mariña procedente do Poio Pescamar FS. Na súa presentación estivo acompañada polo presidente do club, Manuel Blanco Fanego, e por José Manuel Vázquez, xerente de Galipizza&Cia, empresa patrocinadora do equipo feminino do CD Burela FS Pescados Rubén.
Fotografía: Logaidea
A xogadora coruñesa de 24 anos asina por unha tempada coa escuadra laranxa á que chega “con moita ilusión xa que é unha gran oportunidade deportiva para min. É un paso adiante na miña carreira e poder competir por obxectivos máis ambiciosos é unha gran motivación”. Respecto da súa integración na dinámica do equipo indicou que “estou en fase de adaptación aínda que xa me sento moi cómoda no grupo. Estoume afacendo ás dobres sesións de adestramento, aquí realízanse máis que no meu anterior equipo e seguro que este traballo terá a súa recompensa”. Respecto da competición ligueira sinalou como rivais na candidatura ao título ao “Atlético de Madrid, vixente campión, aínda que poden acusar a baixa de Anita Luján que é un reforzo de luxo para o Alcorcón que este ano se reforzou moi ben e será un gran rival a bater. O Universidade de Alacante si gaña en consistencia tamén estará na pelexa e pode dar a sorpresa”.

O presidente do club, Manuel Blanco, cualificou a incorporación da xogadora galega como “un gran acerto. Kiko é unha xogadora que nos aportará moita frescura e intensidade, coa súa achega o equipo é máis equilibrado xa que é un á zurda que permitirá máis variantes ao xogo ademais de sumar unha rotación de garantías”.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores