Noticias
7 de novembro de 2014
O Burela FS visita a un Marfil Santa Coloma en horas baixas
O Burela FS Pescados Rubén xa está en terras catalás para medirse mañá a un rival sempre complicado, o Marfil Santa Coloma, que recibirá os de Juanlu con ganas de encamiñarse na boa senda. A novena xornada de Primeira División arrincará no pavillón Nou ás 18.30 horas.

O conxunto laranxa afronta este novo compromiso, na décima praza (10 puntos), logo de vencer a ElPozo Murcia (4-3) e na súa mellor etapa da tempada, con 7 puntos nas últimas tres xornadas (Magna Navarra 4-4, Zaragoza 3-6). Verase as caras cun rival que é décimo terceiro (8 puntos) e que non coñece a vitoria desde a segunda xornada; logo de impoñerse no inicio ligueiro a Azkar (7-3) e Uruguay Tenerife (2-5), empatou na casa con Jaén (5-5, terceira xornada) e Inter Movistar (3-3, sétima xornada).

“Atoparémonos cun rival que estará moi motivado pola necesidade de puntos e por xogar na casa. Será un partido moi intenso” explicaba Juanlu, incidindo no ataque como a mellor virtude dos cataláns: “É un equipo con gran capacidade ofensiva e creativa; posúe xogadores desequilibrantes e con gol. O seu punto máis feble é a defensa, marcan moitos goles pero tamén os encaixan”. “Debemos ser fortes defensivamente; cun marcador axustado temos máis posibilidades de levarnos o partido” puntualizaba o técnico burelista sobre a clave do encontro.

Na expedición laranxa non viaxou Miguel, ausente xa nas últimas xornadas por unha contusión ósea. Isi, con molestias no xeonllo desde o partido con ElPozo, só puido adestrar co grupo esta mañá, e Jorge, que non puido acabar o encontro o sábado por molestias no dorso do pé, estivo apartado das sesións durante toda a semana. Ademais, Jorge será dúbida por unha contractura.

Convocatoria Marfil Santa Coloma: 5. Rubén, 7. Adolfo, 8. Dani Salgado, 9. A. Segura, 10. Sepe, 12. Lluc, 13. Eric, 15. Álex, 16. Álvaro Lacuesta, 17. Rafa López, 20. A. Medina, 25. Charlie

Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Jorge Bellvert, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30 Hélder

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores