Noticias
8 de novembro de 2014
Trepidante vitoria do Burela FS en duelo directo co Alcorcón (3-2)
Foto: Ana López Ramos
Vista Alegre foi testemuña hoxe dun dos partidos máis bonitos da tempada en Primeira División RFEF, coa trepidante vitoria do CD Burela FS Pescados Rubén en duelo directo ante o AD Alcorcón (3-2). As laranxas, que tiveron que conformarse co empate 1-1 das madrileñas no último suspiro antes do descanso, reármaronse na segunda parte para loitar contra as adversidades coa expulsión de Bea Mateos (dobre amarela) e o marcador desfavorable 1-2. O encontro estivo marcado polo alto ritmo, con máis posesión local que visitante na primeira parte. Antes de cumprirse o minuto 3 de xogo, Maite dispuxo da primeira ocasión con perigo para as mariñás tras unha recuperación de Peque. Shiori tamén a punto estivo de inaugurar o electrónico (minutos 4 e 5), pero foi Taina a encargada de anotar 1-0, despois do primeiro aviso serio do Alcorcón, de Andrea Feijoo; a brasileira finalizou a pase de Peque na recuperación dunha tentativa de contra madrileña. A saída de Lara á pista, rozando o ecuador, levantou á bancada de Vista Alegre nunha brillante chegada da viveirense á meta de Miri. Entre os balóns máis perigosos das visitantes, destacou Vadillos, que intentou sorprender a Jozi por partida dobre no minuto 14, e Isa García, no 15, con grande intervención da porteira laranxa, e no 18, ao aproveitar un rexeite que se foi demasiado alto. Á terceira foi a vencida para Andrea Feijoo; a falta de tan só un segundo para o descanso e logo de dúas grandes oportunidades ante Jozi, a 3 de Alcorcón fixo realidade o empate ao segundo pau, cun agasallo de Anita Luján desde balón parado. No segundo período, o conxunto visitante saltou á cancha con máis intensidade, aínda que a primeira chegada a portería contraria foi para as mariñás. Shiori non puido finalizar un balón de Peque ao bordo da liña de meta (minuto 21). Tras dúas boas ocasións do Alcorcón, de Andrea Feijoo (21) ante Jozi adiantada e de Orive (23), o Burela FS tamén dispuxo de balóns envelenados no 24, entre Bea e Peque, e o 27, entre Maite e Lara. Tras a expulsión de Bea Mateos (minuto 29), que viu a segunda tarxeta amarela, o Alcorcón aproveitou para poñerse por diante, coa firma de Andrea Feijoo (minuto 31). Este foi o revulsivo que necesitaba o conxunto de Quico Otero para rearmarse. A falta de catro minutos para o final, Shiori liderou o xogo de cinco laranxa, que poucos segundos despois obtivo a recompensa, con gol de Peque, saíndo vitoriosa da pugna polo balón con Anita Luján na área madrileña. A falta dun minuto e medio, Shiori freou a embestida de Andrea Feijoo sobre a portería local, tan só 26 segundos antes de que Vista Alegre cantase o triunfo burelista con gol de Taina, asistida por Claudia na galopada iniciada por Peque. Maite aínda tivo nas súas zapatillas o posible 4-2 soa ante Miri. O Alcorcón intentou remontar nos últimos segundos con Cris Llanos como porteira xogadora sen éxito. Ficha técnica Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Shiori, Bea Mateos, Maite (quinteto inicial). Tamén xogaron Claudia, Taina, Lara AD Alcorcón: Miri, Leire, Desirée, Orive, Anita Luján (quinteto inicial). Tamén xogaron Cris Llanos, Vadillos, Isa García, Andrea Feijoo, Soldevilla Goles: 1-0, minuto 7, Taina; 1-1, minuto 19, Andrea Feijoo; 1-2, minuto 31, Andrea Feijoo; 2-2, minuto 36, Peque; 3-2, minuto 39, Taina Tarxetas: Por Burela FS dobre amarela a Bea Mateos (minuto 10 e 29), amarela a Maite (minuto 31), Claudia (minuto 33). Por Alcorcón amarela a Leire (minuto 35) Árbitros: Fernández Méndez, Andrés // García Rodríguez, Xurxo (Ourense) Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de Primeira División RFEF. 600 espectadores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores