Noticias
15 de novembro de 2014
O Burela FS sela a súa vitoria en Gironella con catro goles antes do descanso
O Burela Pescados Rubén segue sumando. Esta tarde selou a súa sétima vitoria consecutiva na pista do Gironella (1-4). As pupilas de Quico Otero concentraron a súa artillería goleadora antes do descanso.

As laranxas foron claras dominadoras da cita, con posesión e perigo, ante as escasas ocasións das locais. No minuto 4, Bea Mateos adiantou as galegas a pase de Shiori, e antes de chegar ao ecuador da primeira parte Peque subía o 2-0, tras roubo de balón (minuto 9). No último minuto antes de soar a bucina do descanso as burelistas ampliaron a fenda, de novo nas zapatillas de Peque, asistida por Shiori, e con Paula; a moza mariñá púxolle a guinda a un contraataque iniciado pola 7 laranxa.

No segundo período, a contenda equilibrou levemente as súas forzas con aposta esporádica de xogo de cinco por parte do Gironella. As burelistas dispuxeron de numerosas ocasións aínda que a fortuna goleadora deulles as costas. Con todo, a renda da primeira parte serviulles para defender os tres puntos ante un rival que só foi capaz de perforar a meta laranxa a falta de cinco minutos para o final; con porteira xogadora, Lidia anotou o definitivo 1-4, cun balón que pegou en Maite.


Ficha técnica

Gironella FS: Noe, Celia Catá, Berta Ramos, Claudia Pons e Ingrid Vieites (quinteto inicial). Tamén xogaron, Judith, Lidia Abellán e Pilar Ribes

Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Shiori, Bea Mateos, Maite (quinteto inicial). Tamén xogaron Claudia, Taina, Lara, Paula, Cristina, Patri

Goles: 0-1, minuto 4, Bea Mateos; 0-2, minuto 9, Peque; 0-3, minuto 19, Peque, 0-4, minuto 19, Paula; 1-4, minuto 35, Lidia Abellán

Tarxetas: Por Gironella amarela a Celia (minuto 10), Pilar (minuto 38). Por Burela FS amarela a Bea Mateos (minuto 19)

Árbitros: Marc Fernández // Feliz Valiente

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores