Noticias
21 de novembro de 2014
Pleno ao 15 do Burela Pescados Rubén coa vitoria ante o Uruguay Tenerife
Quinta vitoria consecutiva do Burela Pescados Rubén tras vencer na illa ao Uruguay Tenerife por 3-6. A escuadra mariñá amplía a súa mellor serie de vitorias na Primeira División nun duelo ante un conxunto tiñerfeño que presentou batalla pero que finalmente se decantou para a escuadra de Juanlu Alonso.
Fotografía: Prensa Uruguay Tenerife.LNFS
O Burela Pescados Rubén comezou o encontro coas ideas claras realizando unha boa presión aos tiñerfeños e un disparo de Helder, tras rebotar en Murga, adiantou aos laranxas no minuto 5. A resposta canaria non tardou en chegar e Jacinto puxo o empate (1-1) ao minuto seguinte dando paso a un mellor Uruguay Tenerife. O encontro era aberto con ocasións en ambas porterías e os locais aproveitaron mellor o seu momento para situarse con vantaxe (2-1) outra vez con Jacinto como protagonista. Do mesmo xeito que anteriormente a resposta foi rápida. Isi logrou o empate a dous aínda que nos minutos finais os bureleses tiveron que neutralizar o empuxe local para chegar co 2-2 ao descanso. Na continuación, os pupilos de Juanlu Alonso tomaron o control do partido pero un erro propiciou que Murga se plantase só ante Alex para situar o 3-2 no marcador, minuto 22. O Burela Pescados Rubén mostrou a súa capacidade de reacción con bo xogo, sendo Iago Míguez o protagonista para remontar o choque con dous goles que rendibilizaron o dominio laranxa (3-4). Con esta axustada vantaxe entrouse nunha fase de constantes interrupcións motivadas polas goteiras do Palacio dos Deportes que impediron que o bonito duelo transcorrese con normalidade. Tras uns minutos de descontrol produciuse un intercambio de ocasións. Alex evitou o empate e os laranxas perdoaron en dúas accións. Na recta final, a estratexia burelesa funcionou á perfección e Matamoros, tras un córner, puxo o 3-5 a tres para o final. O Uruguay apostou polo xogo de cinco que Matamoros penalizou no último minuto co 3-6 final. Ficha técnica Uruguay Tenerife: Iago Barro, Pablo González, Murga, Cancio, Javi Rodríguez-cinco inicial- Jacinto, Luís Jara, Aythami, Edu Santana, Adri. Burela FS Pescados Rubén: Alex, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito-cinco inicial- Chano, Hélder, Iago Míguez. Goles: 0-1, m.5, Helder; 1-1, m.6, Jacinto; 2-1, m.13, Jacinto; 2-2, m.13, Isi; 3-2; m.22, Murga; 3-3, m.26, Iago Míguez; 3-4, m.30, Iago Míguez; 3-5, m.37, Matamoros; 3-6, m.40, Matamoros. Cartóns: Por Uruguay Tenerife amarela a Luís Jara (m.10), Cancio (m.28). Por Burela Pescados Rubén amarela a Matamoros (m.31). Árbitros: Del Pozo García, López Jiménez. Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira División LNFS disputado no Municipal de Deportes de Tenerife.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores