Noticias
29 de novembro de 2014
Ao Burela FS escápanselle os puntos nos últimos tres minutos
Foto: Marián García Mesa

O Burela FS Pescados Rubén non puido continuar hoxe coa boa racha de resultados na visita de Jaén Paraíso Interior a Vista Alegre (1-2). Ao cadro mariñán escapáronlle os tres puntos a falta de dous minutos e corenta e sete segundos para o final, logo de tomar a iniciativa no marcador, con gol de Iago Míguez xa no minuto 7, e chegar ao descanso con empate.


Comezou o encontro con certa cautela aínda que tamén con visibles ansias de gol. Aínda que foi o Jaén o primeiro en chegar á portería rival, o perigo estreouse con cor laranxa, antes de cumprirse en segundo minuto de xogo, nas zapatillas de Antoñito con disparo cruzado desde a banda. A punto estivo Carlitos de sorprender con tentativa de recuperación, pero foi Iago Míguez acto seguido o encargado de abrir a lata no minuto 7 tras roubar na pista burelista o balón a Emilio Buendía e escapar en galopada para superar a Prieto. Moi atento estivo Edu nos seguintes compases con tres disparos perigosísimos do Jaén desde balón parado. No minuto 11, Dani Martín recortou a defensa laranxa para buscar a igualada pero apareceu a man prodixiosa de Edu. Non puido facer nada o meta naronés tan só un minuto despois ante o 11 xienense, que igualou a contenda nunha recuperación en colaboración con Cuco. Tocoulle aplicarse en defensa ao Burela FS na continuación cun Edu infranqueable nos momentos clave; freou a Dani Martín (minuto 14) nun lanzamento alto desde o centro da área e a Eloy Rojas nun balón raso (minuto 16).


Tras o descanso tentearon nos inicios ambos os equipos, cun balón de Cuco que se topou coa cara de Edu e con Matamoros que intentou desarbolar a Prieto cun potente disparo baixo, ademais dunha magnífica ocasión de Ángel frustrada polo porteiro xienense tras contra iniciada por Hélder. As ansias de visitantes e locais por tomar a iniciativa no electrónico xeraron certo descontrol sobre a pista con continuas idas e vindas. Rozando o ecuador da segunda parte, os paus burelistas pararon o ataque xienense; a partir de aí o encontro cobrou brillo laranxa por todos os costados. Segundos despois e asistido por Matamoros, Carlitos tivo nas súas zapatillas o segundo gol burelista cara a cara con Prieto e Iago Míguez, no minuto 33, levantou bancada ao recoller un balón cruzado ao bordo da liña de meta rival. Insistían os de Juanlu; volveu poñer en perigo a rede visitante Mata conducindo o balón desde a banda no 36. Desafortunadamente, do que podería ser o 2-1 para os da Mariña nunha nova oportunidade enveladísima de Matamoros, o Jaén aproveitou o rexeitamento de Prieto para emprender un contraataque que culminou Chino a falta de pouco máis de dous minutos e medio para o final. Reaccionaron os locais co 10 burelista enfundado na camiseta de porteiro-xogador, que a punto estivo de subir o empate a 49 segundos para a bocina final cun disparo de lonxe ante o que sacou o meta sureño a man. Na recta final Iago Míguez aínda pelexou para igualar o marcador cun lanzamento que saíu pola liña de fondo sen tempo para máis.


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Antoñito, Ángel, cinco inicial; tamén xogaron Hélder, Carlitos, Chano


Jaén Paraíso Interior: Prieto, Carlinhos, Chino, Cuco, José López, cinco inicial; tamén xogaron Eloy Rojas, Emilio Buendía, Campoy, Dani Martín


Goles: 1-0, minuto 7, Iago Míguez; 1-1, minuto 12, Dani Martín; 1-2, minuto 37, Chinés


Tarxetas: Por Burela FS amarela a Miguel no banco (minuto 19). Por Jaén amarela a Chino (minuto 30)


Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)


Incidencias: Partido correspondente á 12ª xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. Arredor de 1000 afeccionados

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores