Noticias
13 de decembro de 2014
Demasiado castigo
Foto: Marián García Mesa
O Burela FS Pescados Rubén sufriu hoxe demasiado castigo en Vista Alegre na visita do Aspil Ribera Navarra FS, que conseguiu a clasificación para a Copa de España de Cidade Real 2015 nun duelo moi igualado que se decidiu na recta final (2-5). Os laranxas encaixaron tres dos cinco goles nos tres últimos minutos, dous deles con porteiro xogador.

Matamoros e Antoñito intentaron soprender a Molina xa nos primeiros segundos e Hamza fixo o propio con recuperación sobre Iago Míguez que soubo resolver á perfección Álex. Tras falta de Mata no minuto 2, Andresito inaugurou o marcador pero pouco lle durou a alegría ao Ribera porque poucos segundos despois Matamoros igualaba a contenda con golazo pola escuadra tamén a balón parado, tras falta sobre Iago.

Con cinco faltas xa no minuto 7, o Burela FS non se veu abaixo; soubo reaccionar con moita seriedade en defensa e ata con perigo en ataque. Antoñito dispuxo de dous magníficos balóns, minutos 14 e 16, en contraataque de Chano e a pase de Isi, que non acabaron de callar, e Chano, máis tarde -no 17-, tamén xerou nerviosismo nas filas visitantes en contragolpe pola banda cun disparo que se quedou sen forza. A falta de Isi sobre David na área visitante propiciou o 1-2 a falta de 1.52 minutos para o descanso nun dobre penalti con firma de Andresito nun balón raso que se coou pegado ao pau. Nos últimos segundos da primeira parte, o cadro local puxo en alerta a Molina con tres lanzamentos envelenadísimos a balón parado con Mata, Isi e Iago Míguez.

Ao Ribera parecía que lle servía ese resultado. Ao regreso do descanso, aínda que as primeiras chegadas, pero tímidas, foron dos visitantes sobre a meta de Álex, os da Mariña cargaron munición para ir a por todas con dúas boas ocasións de Mata e Carlitos antes de cumprirse o minuto 22. Pero despois tivo que aplicarse a fondo Álex ata o 28, quizais nos momentos menos ordenados do Burela FS. No 25, Joselito rouboulle o balón a Isi; tras o rexeite do porteiro laranxa, salvou Hélder. O meta mariñán estivo concentradísimo na tentativa de lonxe de Palmas. Álex saíu victorioso tamén no man a man con Joselito e con Roger ao pau, no 28.

Volveron as augas ao seu leito para os laranxas. Tras o perigo de Chano e Antoñito fronte a un oportunísimo Molina que despexou por arriba no 31. Chegou de novo a hora de Burela FS; tras a falta de Jesús sobre Chano na área visitante, o sempre sublime Matamoros transformou o penalti no 2-2 (minuto 32). Os de Tudela cargábanse de faltas e os da Mariña non baixaban o seu nivel de esixencia, con Álex impertérrito ante dúas canonazos de Andresito (minuto 33) e o asedio por partida dobre de Matamoros sobre Molina (minuto 35) e pouco despois de Carlitos e Antoñito.

Con todo, de novo a fortuna non estaba do lado dos burelistas. Xusto cando mellor estaba o conxunto laranxa, do que podería ser o 3-2 para os galegos, nun dobre penalti de Matamoros, a falta de 2.52 para o final, que despois intentou rematar tamén Antoñito, Vista Alegre enmudeceu a falta de 2.17 ante o gol de David (2-3) en xogada iniciada por Hamza. Foron valentes os de Juanlu e apostaron polo xogo de cinco liderado por Mata, pero non era o seu día; Rubi subiu o 2-4 segundos despois a porta baleira tocando un pase longo de Molina. A falta de 49 segundos, David volveu atopar a porta baleira para o definitivo 2-5. Intentárono os da Mariña pero xa era demasiado tarde.

Agora toca pensar en gañar na casa do Montesinos Jumilla o vindeiro venres (21.00 horas), esperando a ver cal é o desenlace entre Ribera Navarra FS e Peñíscola.


Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Álex, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Hélder, Chano, Ángel

Aspil Vidal Ribera Navarra FS: Molina, David, Hamza, Rubi, Andresito, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Roger, Palmas, Luisma, Jesús, Lucas

Goles: 0-1, minuto 2, Andresito; 1-1, minuto 3, Matamoros; 1-2, minuto 18, Andresito (dobre penalti); 2-2, minuto 32, Matamoros (penalti); 2-3, minuto 38, David; 2-4, minuto 38, Rubi; 2-5, minuto 39, David

Tarxetas: Por Burela FS amarela a Chano (minuto 22), Isi (minuto 29). Por Ribeira amarela a Hamza (minuto 37), Rubi (minuto 37), Lucas (minuto 39)

Árbitros: Martínez Segovia // Munez Carpintero

Incidencias: Partido correspondente á 14ª xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. Ao redor de 1000 afeccionados
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores