Noticias
20 de decembro de 2014
O Burela Pescados Rubén despide un histórico 2014 coa clasificación para a Copa de España
Clasificación histórica do CD Burela FS Pescados Rubén para a Copa de España 2015 que se disputará en Cidade Real. O equipo dirixido por Juanlu Alonso consegue o billete copeiro ao gañar por 3-6 ao Montesinos Jumilla e trala derrota do Peñíscola Bodegas Dunviro (4-3) na cancha do Aspil Vidal Ribera Navarra. Con estes resultados o Burela Pescados Rubén ocupa a oitava praza que supón o seu pase copero e despide un ano histórico. En 2014 o CD Burela FS Pescados Rubén acadou o seu primeiro play off polo título e agora consegue a súa primeira clasificación para a Copa de España.
Fotografía: Prensa Montesinos Jumilla
O conxunto da Mariña consegue a súa primeira clasificación á Copa de España cun gran partido en terras murcianas onde mostrou a templanza precisa para conquistar os tres puntos. O choque comezou cun ritmo frenético por parte da escuadra laranxa que acosou a meta local pero tras perdoar o Montesinos acertou na súa primeira ocasión para abrir o marcador (1-0). Lonxe de amilanarse os mariñaos persistiron na súa idea e lograron remontar o encontro cun golazo de Chano e outro de Iago Míguez (1-2) no ecuador do primeiro periodo. A intensidade do partido provocou por momentos un intercambio de ocasións sendo as máis claras de cor laranxa pero máis efectivo o cadro local que empatou o choque (2-2), minuto 16. Sen tregua continuou o duelo e emerxeu a figura do killer laranxa. Matamoros non faltou á súa cita co gol e cun golazo de falta directa estableceu o 2-3 co que se chegou ao descanso. Na continuación, o Montesinos apertou a un Burela que tivo en Edu ao seu mellor xogador durante esa fase de acoso local que fulminou Iago Míguez ao marcar o 2-4 nun contragolpe, minuto 30. A partir deste tanto o Burela Pescados Rubén manexou con temple o partido e aínda que o intentou o Jumilla con xogo de cinco foron os mariñaos os que aumentaron a súa renda con goles de Antoñito e Chano. Nos instantes finais o Montesinos Jumilla marcou o definitivo 3-6. Ficha técnica Montesinos Jumilla: Chico, Aarón, Ique, Pizarro, Josiko –cinco inicial- Alamiro, Boyis, Constantino, Rober, Pichi, Lorenzo. Burela Pescados Rubén: Edu, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito –cinco inicial- Chano, Ángel, Hélder, Iago Mïguez. Goles: 1-0, m.3, Boyis; 1-1, m.5, Chano; 1-2, m.10, Iago Míguez; 2-2, m.16, Pichi; 2-3, m.18, Matamoros; 2-4, m.30, Iago Míguez; 2-5, m.37, Antoñito; 2-6, m.39, Chano; 3-6, m.40, Pizarro. Árbitros: Bernabeu Haro, Sánchez Ayala. Amarela a Carlitos (Burela) no minuto 28 e Alamario (Jumilla) no minuto 27. Incidencias: Partidos correspondente á xornada 15 da Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala. Disputado no pavillón Carlos García Ruiz de Jumilla. 500 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores