Noticias
13 de xaneiro de 2015
O Burela FS pelexará pola final da Copa Galicia na casa das Burgas (mércores 14, 20.30 horas)

O Burela FS Pescados Rubén desprazarase mañá a Ourense para disputar a semifinal da Copa Galicia na pista do Cidade das Burgas (Os Remedios, 20.30 horas).


A cita galega reunirá o segundo e terceiro clasificados de Primeira División RFEF, con 33 puntos das ourensás e 31 das da Mariña. No seu enfrontamento ligueiro, as das Burgas impuxéronse ás laranxas en Vista Alegre por 0-5, único rival capaz de vencer esta tempada ás pupilas de Quico Otero, xunto ao Atlético de Madrid Navalcarnero.


“Tras os tres importantes puntos do sábado ante o Poio, anímicamente estamos ben; fixemos un bo papel, salvo os últimos minutos, que perdemos o noso xogo e entramos nunha dinámica que favoreceu o rival. Agora temos que pensar en seguir así, para recuperar o nivel que tiñamos antes do parón” explicaba o adestrador mariñán. “Sabemos que é un rival difícil; está atravesando un bo momento. É un equipo moi ordenado, que compensa ben ataque, coa frescura e atrevemento de Iria e Vane, cunha sólida defensa” reflexionaba Quico Otero.


O cadro burelista realizará hoxe, ás 20.00 horas, a última sesión antes da cita copeira. O técnico viveirense xa puido contar onte con Cris no adestramento; tamén volverá Maite, ausente ante o Poio por sanción; Bea Mateos será dúbida.


No caso saír vitoriosas, as laranxas mediranse na final ao gañador entre Viaxes Amarelle e Ourense Envialia, que se decidirá o mércores 21, ás 21.00 horas, na cidade herculina.
 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores