Noticias
15 de xaneiro de 2015
O Burela FS sela o billete para a final da Copa Galicia
Foto:  Marián García Mesa


O Burela FS Pescados Rubén selou a súa presenza na finalísima da Copa Galicia, despois de impoñerse onte nas semifinais ao Cidade das Burgas (1-2) na súa visita ao pavillón ourensán dos Remedios. As pupilas de Quico Otero buscarán validar o título conseguido en Ferrol en 2014; o gañador entre Viaxes Amarelle e Ourense Envialia, con encontro previsto para o mércores 21 na cidade herculina (21.00 horas), será o rival das laranxas na gran final.


O cadro mariñán levou o peso nunha cita na que o Cidade das Burgas despregou un excelente traballo defensivo e obrigou ao Burela FS Pescados Rubén a un gran desgaste. “Dende o comezo o Cidade amosou presión arriba, o que nos obrigou a elaborar máis as xogadas. Contou con tan só dúas ocasións de cara á portería e nunha delas chegou o gol, nun erro noso na saída de balón, que roubaron ao bordo da área” recordaba así Quico Otero o tanto das ourensás, que lles deu a vantaxe na primeira parte, de Vane (minuto 12).


Tras o descanso, o equipo burelista incrementou a súa presión ante o sólido peche das Burgas. Insistiron as de Quico Otero ata que no minuto 31 Peque puido romper a primeira liña defensiva en xogada persoal. A falta de catro minutos para o asubío final, as ourensás apostaron por xogo de cinco sen xerar apenas perigo para as filas burelistas. O gol da vitoria rubricouno Shiori, xa no 36, a porta baleira, nunha triangulación con Peque e Gaby.


Cita ligueira


Xunto á boa nova do billete para a final, o Burela FS tamén puido contar onte co regreso á pista de Bea Mateos, tras a lesión de xeonllo que a tivo apartada nas últimas semanas. Agora toca pensar no próximo rival de Primeira División RFEF, o sábado, con Ordizia (18.45 horas): “Temos por diante adestramento hoxe e mañá pola tarde, antes de viaxar o sábado pola mañá. Esperamos que o gran desgaste de onte non nos prexudique o partido” adiantaba Quico Otero antes de reencontrarse coas súas xogadoras para ultimar a preparación da 14ª xornada.


Ficha técnica


Cidade das Burgas: Ana, Candela, Lucía Nespereira, Maria Arias, Vanessa, cinco inicial; tamén xogaron Lucía Álvarez, Sonia, María Rego


Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Claudia, Peque, Maite, Shiori, cinco inicial; tamén xogaron Taina, Gabriela, Kiko, Lara, Bea Mateos


Goles: 1-0, minuto 12, Vane; 1-1, minuto 31, Peque; 1-2, minuto 36, Shiori


Árbitros: Vilas Martínez // De la Iglesia Castelao (Santiago)


Tarxetas: Por Cidade amarela a Lucía Nespereira  e Vane. Por Burela FS amarela a Peque.


Incidencias: Partido correspondente ás semifinais da Copa Galicia disputado no pavillón ourensán dos Remedios

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores