Noticias
23 de xaneiro de 2015
Pugna directa no ecuador clasificatorio
Foto: Marián García Mesa

O Burela FS Pescados Rubén vivirá este sábado, na 19ª xornada de Primeira División LNFS, unha pugna directa no ecuador da táboa coa visita á complicadísima pista do Peñíscola Bodegas Dunviro (pavillón municipal, 16.15 horas). “É un equipo que sobe bastante o seu rendemento na casa. Conseguiu impoñerse a Barcelona 3-2 e Inter 2-1, que só suman as derrotas entre eles e a de Peñíscola” advertía o adestrador laranxa, Juanlu Alonso.


Levantinos e mariñáns están empatados con 25 puntos, con novena e oitava prazas respectivamente; os 60 goles a favor, fronte aos 59 en contra, dálles unha lixeirísima vantaxe aos laranxas sobre os 58 a favor e 59 en contra dos locais desta semana. “É un rival directo e os tres puntos en xogo son moi importantes; quizais eles están un pouco máis obrigados a gañar ao xogar na casa pero para nós sacar tres puntos serían un golpe de efecto distancia en puntos e co golaverage ao noso favor” adiantaba Juanlu, que espera un encontro igualadísimo: “Os números na clasificación e o partido de ida, con 4-3 para nós, creo que serán un fiel reflexo do encontro; en condicións normais debería ser un partido apertadísimo” explicaba o técnico burelista. “É un cuadro novo, fisicamente moi intensa que leva os rivais ao límite”.


A expedición laranxa, que chegou esta mañá ao seu destino da 19ª xornada para adestrar ás 12.15 horas, dispoñerá de 11 xogadores na convocatoria. Non estará Isi, pendente de diagnóstico definitivo tras a lesión muscular que lle obrigou a retirarse o sábado ante Levante; Matamoros non poderá estar ao cento por cento, por un golpe no pé que lle impediu adestrar esta semana. Volverá Hélder, tras a súa participación con Galicia Sub-19 no Nacional de Barcelona.


Segundo a información facilitada polo Peñíscola, ás filas anfitrioas volve Asensio, lesionado os dous últimos partidos, e estará a nova fichaxe, Constantino ‘Kiki’ Vaporaki, incorporacións ás que se suman os xuvenís do CD Vinaròs FS.



Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 30 Hélder


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores