Noticias
13 de febreiro de 2015
Duelo irmandiño de altos voos, Cidade das Burgas-Burela FS (sábado 14, 17.00 horas)
Foto: Marián García Mesa

O CD Burela FS Pescados Rubén estreará adestrador en liga cun duelo irmandiño de altos voos. As laranxas, pechando o podio (37 puntos), visitarán mañá a pista do segundo clasificado, Cidade das Burgas (42); o derbi arrincará ás 17.00 horas, no pavillón ourensán dos Remedios.



As burelistas enfróntanse a un rival ao que sucumbiron na primeira volta, con 0-5 en Vista Alegre, e ao que se impuxeron máis recentemente nas semifinais da Copa Galicia (1-2). “Será un partido complicado. O Cidade é un rival con xogadoras moi boas individualmente, como Iria e Vanessa, ademais dese plus de ímpeto tan importante en calquera grupo que achega Lucía” analizaba o novo adestrador.



Á fronte do equipo dende o mércores, Lucas encara a cita galega cun “bloque que me demostrou moitas ganas e moi boa resposta durante os poucos adestramentos desta semana”. O técnico irradia confianza e optimismo, o principal acicate, baixo a súa perspectiva, para recobrar a boa liña nos resultados, comezando polo compromiso de Ourense: “Confío nas novas ilusións para facer fronte a un gran rival. Temos que aproveitar esta nova dinámica, estes novos aires para facernos co encontro; aposto por un grupo intenso, sen deixar marxe de movemento ao rival, cunha defensa solidaria e verticalidade en ataque” definía así Lucas, con estas pequenas pinceladas, o proxecto burelista baixo a nova batuta.



Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 17. Maite, 14. Bea Mateos, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores