Noticias
20 de febreiro de 2015
Juanma estrea banco na pista do Santiago Futsal
Foto: Marián García Mesa

O secretario técnico do CD Burela FS Pescados Rubén e segundo de Juanlu en Primeira LNFS, Juanma Marrube, estrearase á fronte dos bancos o sábado coa visita do equipo laranxa de Terceira División á pista do Santiago Futsal B (Santa Isabel, 17.00 horas).


Juanma colle as rendas do filial mariñán no momento máis doce dun conxunto repleto de novas promesas, que encadea pleno de triunfos na segunda volta, con 9 puntos de 9 en xogo. “Estou encantado co equipo; está nun excelente momento e iso nótase. Os rapaces están adestrando ao 200%; están implicados e demostran moitas ganas en todas as sesións” valoraba o novo técnico, internándose nunha nova etapa que xa ansiaba: “Tiña inquedanza por asumir esta responsabilidade, por poder tomar decisións á fronte dun equipo. Chego coa vantaxe de que xa coñecía o grupo, un gran paso para estrearme nestas tarefas” explicaba Juanma, “seguir disfrutando, como o fixen sendo xogador, e sobre todo seguir aprendendo e formándome tras o exame de cada sábado”.


O primeiro reto será un derbi de filiais; dende a terceira praza con 31 puntos, o Santiago Futsal agarda os mariñáns, que ocupan a décima posición, con 19. “Espero un bo derbi. É un rival de altura, indícao a clasificación, que a estas alturas da competición acostuma ser xusta. Enfrontáremonos a un corte de xogadores moi similar ao noso, de xente nova en formación, e a unha escola cun xogo moi definido como é Santiago” reflexionaba Juanma sobre o rival, apostando por “xogo atrevido e con posesión do balón” para os laranxas.


Na primeira volta o resultado caeu do lado dos composteláns, 1-2.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores