Noticias
27 de febreiro de 2015
Cita galega, co Amarelle, antes do descanso

O Burela FS Pescados Rubén disputará cita con aires galegos este sábado, na pista do Viaxes Amarelle (Sagrada Familia, 18.00 horas) correspondente á 20ª xornada de Primeira División RFEF, antes do parón ligueiro pola fase final do Campionato de España de Seleccións Territoriais Sub-21 Feminino (Murcia, 8-9 de marzo).


O cadro de Iván Cao, Lucas, plantarase na cidade herculina co firme obxectivo de recuperar as rendas da vitoria tras o tropezo con Móstoles FSF. “Imos coa ilusión dos tres puntos para facernos fortes na terceira praza e manter as opcións de escalar á segunda” dicía o técnico laranxa destacando “a boa actitude e intensidade” do grupo durante a preparación da semana.


Pechando o podio, con 30 puntos, as burelistas mediranse á undécima praza do Amarelle, con 19. “Coa condición de derbi, sabemos que vai ser un encontro duro no que pode pasar de todo; ademais o rival é un equipo irregular que pode dar a sorpresa ante calquera equipo. Defenderá en media pista, á espera de aproveitar os nosos erros e saír á contra” advertía Lucas, puntualizando sobre os pormenores nos que o conxunto laranxa está a traballar para fortalecerse: “A finalización estanos custando, non podemos xerar tantas ocasións sen culminar; estamos traballando para revertir esa situación pero non é algo que se poida solucionar nin nunha nin en dúas semanas”.


En Vista Alegre, as burelistas impuxéronse 2-1.


A última sesión da semana está prevista para hoxe a partir das 19.30 horas. A expedición mariñá partirá mañá ás 14.30 horas, coa única ausencia de Patri, por lesión.


Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 17. Maite, 14. Bea Mateos, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores