Noticias
28 de febreiro de 2015
O Burela FS empata o Marfil (3-3) merecendo máis
Foto: Marián García Mesa Lanzamento do Álbum das Estrelas Laranxas
O Burela FS Pescados Rubén suma na 24ª xornada un punto tras un traballado empate na visita do Marfil Santa Coloma á Mariña (3-3), unha cita na que os laranxas mereceron máis, na que a ansiedade nos últimos metros lles restou efectividade.

Galegos e cataláns viviron unha primeira parte máis equilibrada do que reflectiu o 0-2 ao descanso. Ambas as escuadras saíron apostando polo ataque. Antes de cumprirse o primeiro minuto Rafa López e Antoñito xa puxeran sobre aviso a Álex e Didac. Tras dobre parada providencial do meta mariñán primeiro ante Dani Salgado e despois ante Eric Martel, o pichichi da liga intentou sorprender o porteiro burelista sen éxito, no minuto 7, de cabeza á escuadra. Con todo, si que conseguiu o seu propósito uns segundos despois á escuadra contraria (0-1). O Pescados Rubén respondeu intensificando o seu perigo sobre Didac, con ocasións de Chano, desviada (minuto 11), Carlitos (minuto 13), que non controlou o pase de Chano ante a portería visitante, e Mata (minuto 16), cun disparo que se escapou alto tras roubo de Antoñito; tamén estivo atento freando a embestida do Marfil salvando Iago no minuto 11 e Mata no 17. Cando máis merecían os locais o empate chegou o 0-2 (minuto 17), que superou ao bordo do área a Isi e bateu a Álex, logo de aproveitar Dani Salgado un erro burelista á saída de balón.


Os de Juanlu saíron fortes na segunda parte. Aos 19 segundos Mata aproveitou un erro en saque de esquina dos visitantes para iniciar un contragolpe que el mesmo finalizou. Con 1-2, os da Mariña daban un paso adiante para igualar a contenda, pero no minuto 22, Dani Salgado volveu facer gala da súa vea goleadora en contraataque para ampliar distancias. O Pescados Rubén non baixou os brazos; seguiu traballando para xerar perigo sobre a meta de Didac. Tras unha magnífica ocasión de Chano, no 27, que se topou co meta catalán, Isi foi o elixido para reducir distancias un minuto despois, transformando o 2-3 nun remate ao segundo pau desde pase de Antoñito. Non cesaron no seu empeño os burelistas; intentouno Mata desde balón parado rozando o ecuador de segundo período, seguido de Miguel e Carlitos sós ante Didac, no minuto 35, e Isi, no 36, rozando o pau. Aínda que tamén puideron ampliar distancias Dani Salgado, no 35, e Eric Martel, no 36. Tras un lanzamento envelenadísimo que salvou Isi en última instancia, a falta de 2.49 minutos para a bucina final, o Burela FS apostou por xogo de cinco con Matamoros; precisamente foi o 10 laranxa o que rubricou o empate 3-3, nunha xogada iniciada por Isi que completou Chano. Restaba 1.03 e o porteiro-xogador do Marfil, Sepe, tamén saltou á pista. Vista Alegre viviu un último minuto de tolemia cun balón de ouro nas zapatillas de Iago Míguez a falta de 5 segundos.



Ficha técnica

Burela FS Pescaods Rubén: Álex, Iago Míguez, Isi, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Ángel, Bellvert, Chano, Miguel, Behroz, Carlitos

Marfil Santa Coloma: Didac, Rubén, Dani Salgado, Sepe, Rafa López, cinco inicial; tamén xogaron Eric Martel, A. Segura, Charlie

Goles: 0-1, minuto 7, Dani Salgado; 0-2, minuto 17, Rafa López; 1-2, minuto 21, Matamoros; 1-3, minuto 22, Dani Salgado; 2-3, minuto 28, Isi; 3-3, minuto 38, Matamoros

Tarxetas: Por Burela Amarela a Miguel (minuto 5), Chano (minuto 25), Antoñito (minuto 30), Álex (minuto 38). Por Marfil amarela a Rubén (minuto 2), Charlie (minuto 9), Dani Salgado (minuto 22), Eric Martel (minuto 25)

Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Casela e León)

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre ante 1.100 afeccionados. Lanzamento oficial dos cromos das Estrelas Laranxas, o primeiro álbum oficial do CD Burela FS Pescados Rubén.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores