Noticias
5 de marzo de 2015
A burelista Paula parte hoxe na expedición de Galicia Sub-21 cara á final do Campionato de España
O Burela FS celebrou a vitoria ante o Amarelle (0-4) en Galipizza de Culleredo e alí desexoulle sorte a Paula no seus compromisos con Galicia Sub-21

A burelista Paula Cortiñas viaxa de novo hoxe con Galicia Sub-21 cara á fase final do Campionato de España de Seleccións Territoriais que se disputará en Murcia esta fin de semana, 7 e 8 de marzo.


O combinado irmandiño, con José Luis Sáez como xefe de expedición, medirase en semifinais á Rexión de Murcia o sábado, ás 12.00 horas (municipal Gabriel Pérez de Roldán). Unha hora antes enfrontaranse Cataluña e a Comunidade Valenciana. A cita definitiva será o domingo, ás 12.00 horas.



Xunto á laranxa, defenderán a camisola branca e azul Alejandra de Paz e Belén Feal, do Valdetires FSF; Laura Doce, do Fervenza FSF; Claudia Martínez e Nerea Moldes, do Poio FS; Ana Rivera e María Romero, do CD Ourense; Eva Lema, do Viaxes Amarelle FSF; e Ana López, Vanessa Sotelo e María Arias, do Cidade das Burgas.



Fase previa. As galegas impuxéronse con solvencia na fase previa disputada en xaneiro en Ourense, con triunfos ante  Madrid (8-0) e Aragón (8-1).



Galicia Cadete



Na preparación do Nacional tamén está inmersa a selección cadete; hoxe realizará un novo adestramento en Santiago de Compostela cos burelistas Cristian Rivas e Daniel Bertolo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores