Noticias
13 de marzo de 2015
O Burela FS fai historia na Copa apeando o Inter (1-2) en cuartos
Foto: LNFS Foto: LNFS

O Burela FS Pescados Rubén entra ao grande nos anais da Copa de España. Fai historia na súa estrea no grande escaparate do mellor fútbol sala en Cidade Real 2015; xogará as semifinais despois de apear o vixente campión, Inter Movistar (1-2), nun encontro moi axustado que decidiu Antoñito a 11 segundos para a bucina final, autor dos dous tantos laranxas.


Souberon incomodar ao favorito os de Juanlu e conter a avalancha da máquina interista neutralizando a súa capacidade goleadora cunha defensa serena e solidaria, xunto a un Álex sublime, impecable en todas as chegadas dos de Alcalá de Henares; o meta laranxa realizou grandes intervencións nos dous penaltis tras falta de Matamoros, no minuto 2 ante Rafael, e de Miguel, no 8 fronte a Rivillos. No medio o porteiro burelista tamén desartellou unha vaselina de Ricardinho (minuto 5). Superado o ecuador da primeira parte, Iago Míguez tivo nas súas zapatillas un toque de ouro desde balón parado de Matamoros que tocou en Rafael na liña de meta. Comezaron a acentuar a súa presión os mariñáns sen deixar de crer nas súas posibilidades e gañaron metros en ataque, coa combinación Matamoros-Antoñito (minuto 15) e un contraataque de Bellvert (minuto 16) como as ocasións máis claras con denominación de orixe galega.


Sen moverse o marcador, a segunda parte arrincou con máis do mesmo, co axexo de Inter ante o parapeto de Álex. Xa no minuto 21, o porteiro laranxa freou por partida dobre a Cardinal. Tras unha boa oportunidade de Iago Míguez, Rafael culminou a asistencia de Ricardinho no minuto 24 para poñerse por diante. O Pescados Rubén, fiel ao seu rol de solidariedade en defensa, tamén quixo soprender a Herrero, cun disparo exterior de Behroz (minuto 27) e Matamoros desde propia pista (minuto 29), aínda que foi Antoñito quen conseguiu a tan ansiada igualada no minuto 32 cun zapatazo tras coarse entre a defensa interista. Intensificou o campión de Liga e Copa o seu perigo sobre a meta laranxa sen nada que facer ante a perfección de Álex. A tan só 11 segundos para o final, Antoñito volveu ver a portería de Herrero en parede con Miguel para xúbilo do Quijote Arena. Era o 1-2, o Burela FS estaba con pé e medio na semifinal da Copa e o rival apostou polo talento de Ricardinho con xogo de cinco. Aínda dispuxeron os de Juanlu dun par de balóns a porta baleira para ampliar distancias.


Para seguir escribindo a historia laranxa con letras de ouro o próximo destino é Jaén Paraíso Interior, que tamén deu hoxe a sorpresa impoñéndose a ElPozo Murcia (2-4). A cita de semfinais será o sábado, ás 17.30 horas (Teledeporte).


Venres 13 de marzo de 2015, CUARTOS


19.00 horas: Magna Navarra-Palma Futsal CC3


21.15 horas: FC Barcelona-Aspil Vidal Ribeira Navarra FS CC4


Sábado 14 de marzo de 2015, SEMIFINAIS


17.30 horas: Jaén Paraíso Interior-Burela FS Pescados Rubén


19.45 horas: Vencedor CC3-Vencedor CC4


Domingo 15 de marzo de 2015


20.00 horas: FINAL


 


Ficha técnica


Inter Movistar FS: Jesús Herrero, Rafael, Pola, Cardinal, Ricardinho, cinco inicial; tamén xogaron Rivillos, Lolo, Álex, Daniel, Borja, Ortiz


Burela FS Pescados Rubén: Álex, Bellvert, Iago Míguez, Matamoros, Carlitos, no cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Chano, Miguel, Behroz


Goles: 0-1, minuto 24, Rafael; 1-1, minuto 32, Antoñito; 1-2, minuto 39, Antoñito


Árbitros: Montes Pardo, Jesús (Cartagena) // Martínez Flores, Alejandro (Murcia)


Tarxetas: Por Movistar amarela a Cardinal, Ortiz, Rivillos. Por Burela amarela a Matamoros, Behroz


Incidencias: Partido correspondente a cuartos de final da Copa de España Cidade Real 2015 disputado no pavillón Quijote Arena, coa asistencia do secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, entre as autoridades presentes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores